M. PARDO DE VERA
Pardo de Vera López, Marta
( A Coruña, 25 de julio de 1948 )
Biografía
Comezou a estudiar pintura con Leonardo Abelenda e María Luisa Pedrero na súa cidade natal, onde na Escola de Belas Artes e Oficios Pablo Picasso os proseguiu, cerca de José Luis Rodríguez, Antonio López e Mariano García Patiño. Asistiu ós cursos de gravado da universidade Menéndez Pelayo, de Santander, os anos 1985 e 1986, que tiveron lugar en Betanzos baixo a dirección de Jesús Núñez. Viaxou por Inglaterra, Francia, Italia, a antiga Unión Soviética, Iugoslavia e norte de África. Comezou a expoñer en 1967, en Lugo, e fíxoo individualmente na maioría das cidades de Galicia. Participou na Bienal de Pontevedra en 1972 e nas mostras colectivas en numerosas cidades de España e Francia. Teñen obra súa no museo provincial de Lugo e diversas institucións de Galicia. Marta Pardo de Vera, interesada por temas como a muller, a música, a mitoloxía, os rituais relixiosos, milita nun poscubismo de grande forza expresiva, referenciable en mestres franceses como Bracque e Léger. Un debuxo firme e escueto soporta unha materia recia, de tonalidades axordadas, onde os obxectos representados teñen firmeza e relevo case escultóricos. Algunhas suxestións do modernismo tamén se acusan na súa pintura, barroquizante, fantaseada, ó modo de Maruja Mallo. A súa deliberada rixidez lévaa a lembra-la gran pintura muralista mexicana. En definitiva, viu e asimilou moito esta artista directa, esquemática, si, pero de moi rico mundo propio.
Bibliografía
Sobrino Manzanares, M0 Luísa e Liaño Pedreira, María Dolores: Catálogo do patrimonio artístico da Deputación da Coruña. Vol. II. A Coruña, 1991. Mulleres destacadas de Galicia. Edit. Alvarellos. Lugo, 1993. Balconadas de Betanzos. Deputación provincial. A Coruña. Gran enciclopedia gallega. Vol. 24. S. Cañada, edit. Gijón, 1973 e ss.