CRUZ PÉREZ RUBIDO
Pérez Rubido, Cruz
( A Coruña, 1954 )
Biografía
Nos seus inicios estuda Debuxo e Pintura no Círculo de Belas Artes de Madrid entre 1978 e 1980, e completa a formación artística con cursos de gravado. Realiza a primeira exposición individual na Coruña en 1982, despois de expoñer en mostras colectivas desde 1977, e ao longo da súa traxectoria participou en exposicións, tanto colectivas coma individuais, en diversas cidades galegas, Santander ou Madrid, e en países estranxeiros como Portugal (Porto) ou Francia (París). Entre os seus galardóns cómpre salientarmos o segundo premio do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1977, o primeiro premio de Debuxo no Círculo de Belas Artes de Madrid en 1978 e o primeiro premio adquisición do Concello de Carballo en 1988. A súa obra está representada en prestixiosas coleccións como a da Xunta de Galicia, Abanca, Banco de Sabadell, Deputación da Coruña, Museo O Castro de Sada (A Coruña), Goberno da Rioxa, Concello de Carballo ou a Colección de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa.
A súa obra atopa referentes na transvangarda italiana e no neoexpresionismo alemán. Desde os seus inicios evolucionou progresivamente ata situarse próxima á abstracción, na liña doutros creadores galegos como Xosé Artiaga ou Miguel Mosquera. Pérez Rubido constrúe unha linguaxe absolutamente persoal, baseada na síntese formal ata chegar á esencialización, a redución da cor e o misterio dunha aparente monocromía variada en matices, a investigación no tratamento da materia, a prioridade do signo e a apertura cara a posicións obxectuais. As súas obras —nas que non se atopa ningún discurso narrativo— son ante todo espazos que parecen extraídos das pinturas prehistóricas en relación coas primeiras pegadas do home. Un acusado compoñente esteticista caracteriza o conxunto da súa obra; aínda que se mantivo dentro dunha liña moi coherente, sostén a artista: “O meu traballo, a partir do ano 1987, foi evolucionando progresivamente cara a formas máis puras, espazos máis abertos e relaxados, sobre un tratamento da materia que se asemella á pedra, terra, na que coma nelas a cor é suxerida”. Cómpre salientarmos que, ademais da pintura e o gravado, a creadora fixo incursións no campo do deseño e a ilustración editorial en traballos de Xavier Seoane, Xulio Valcárcel e Xosé Manuel Vélez.
Na Colección Afundación figuran tres obras de técnica mixta sobre tea da autora herculina. Na máis temperá, Casa con palmera (1987), atopamos as súas características formas ou signos reducidos de escala, de maneira que logra convertelos en iconas erráticas en amplos e suxestivos territorios matéricos, que conviven con figuras xeométricas. Na obra Sin título, datada en 1989, destaca unha franxa horizontal —sobre unha superficie de alta densidade matérica— na que aparece un grafismo de ritmo sinusoidal que evoca un petróglifo inciso na materia. De novo, na obra Sin título de 1996, sérvese dunha franxa horizontal sobre a que parece gravar suxestivas formas para romper o espazo aberto da superficie pictórica que parece evocar “a terra cortada cos seus sucos ou as pegadas da auga sobre a area” que tanto lle interesan á artista como elemento plástico.
Bibliografía
I e III Mostras Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1989 y 1993.
CRUZ Pérez Rubido, Galería Soloarte, A Coruña, 1990.
CRUZ Pérez Rubido, Casa de Galicia, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000.