PESQUEIRA
Pesqueira Salgado, Manuel
( Lantañón, Paradela, Meis, Pontevedra, 7 de diciembre de 1911 - Pontevedra, 7 de febrero de 1988 )
Biografía
A súa vocación pola pintura é precoz. Os seus cadernos escolares éncheos de debuxos con escenas e tipos do mundo rural do Salnés, onde transcorre a súa nenez e onde Valle-Inclán ambienta algunha das súas obras. Ese mundo será definitivo na peculiarísima tipoloxía, de raíz folclórica, do pintor Manuel Pesqueira. Cando ten dezaseis anos trasládase a Pontevedra, para cursa-la carreira de maxisterio. O mozo vencéllase ás inquedanzas intelectuais de "As Irmandades da Fala" e máis tarde simpatiza co Partido Galeguista, no que están integrados Castelao, Otero Pedrayo e Risco. Estamos nos anos da República. Pesqueira colabora na revista "A nosa terra". Castelao exerce sobre el considerable influencia. Fai amizade cos pintores Maside e Souto, maiores ca el. En 1933 realiza a primeira exposición en Pontevedra. Ten pouco éxito. Algúns dos cadros expostos adquíreos o poeta Álvarez Limeses. Trasládase a Vigo, co fin de debuxar na Escola de Artes e Oficios e prepara-lo ingreso na de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. Iniciouse a Guerra Civil e o artista ha de ser combatente. Resulta ferido de gravidade fundamental para el, posto que lle queda inutilizado o brazo dereito e iso condicionará a súa arte para sempre. No hospital de Vilagarcía, en 1939, comeza a pintar coa man esquerda, o que constitúe un esforzo de adaptación realmente titánico, coma o que no seu día tivo que face-lo excepcional debuxante Urrabieta Vierge. Casa en 1942 e vive en Vilagarcía e despois na Coruña. Séntese atraído por Lantaño e alí se establece, case definitivamente. Tarda tempo en expoñer; faino en Vigo en 1950; despois en Pontevedra e Santiago. Tamén acode en 1951 á colectiva do Centro Galego de Bos Aires, na que están os mellores artistas do país. Expón en Barcelona en 1958 e a súa peculiar pintura chama a atención da crítica. Vive temporalmente en Santiago, en 1960. Concorre ó certame do Círculo das Artes de Lugo, verdadeiro arranque para o prestixio dos valores galegos na plástica. Instálase no chamado "Grupo Mateo", de Santiago, do que forman parte Hevia, Moragón, Garabal. Ocasionalmente realiza outras exposicións en Barcelona e Madrid. Insiste nas galegas: Ourense, 1976; Vigo, 1977; A Coruña, 1978 e 1980; Pontevedra, 1983. Vai a Madrid en 1981 e a París, en 1984. A súa última mostra realízaa en Ourense, en outubro de 1987. Catro meses despois falece en Pontevedra. A obra de Pesqueira está representada en tódolos museos de Galicia, coma un valor persoal e inconfundible, así como en coleccións institucionais e particulares. O popular, o autóctono, nunha visión ó tempo ríxida e viva, sempre irónica e ata mordaz, constitúe a pintura de Pesqueira. Sen dúbida, gústalle Cézanne e Van Gogh. Pero o galego é sempre el, co seu peculiar grafismo de pincelada grosa, ordenada, caligráfica. Hai seres que se duplican e figuras que teñen dous rostros. Hai escenas repetidas, coma os contertulios tabernarios. Hai un primitivo, tenro e asemade feroz no expresionista sui generis que é Pesqueira, asimilable, aínda que, vagamente, a certos modos de Kokoschka. É lírico e tráxico, sagaz e elemental. É en definitiva, un pintor impresionante, irrepetible e inconfundible.
Bibliografía
-Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976. -Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello, 1992. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo,1981. -VV. AA.: Manuel Pesqueira Salgado. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1988. -VV. AA.: Pesqueira. Exposición antológica. Vigo, Caixavigo, 1986. -Ilarri Gimeno, Angel: Catálogo do Pazo Museo «Quiñones de León» Vigo, Concello, 1978. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.