ROGELIO PUENTE
Puente Díaz de la Rocha, Rogelio
( La Habana, Cuba, 1936 - A Coruña, 1996 )
Biografía
Nace na Habana, nunha familia acomodada (o seu pai era un destacado industrial de orixe galega). Asiste ao colexio La Salle, e con once anos ingresa como interno na Escola Militar de Atlanta. Entre 1946 e 1950, compaxina longas vacacións na Habana cos seus períodos de estudo en Canadá e Estados Unidos. Nesta etapa empeza a definir tanto a súa personalidade coma a súa traxectoria artística. A súa viaxe a Francia en 1950, fundamentalmente Versalles e París, marcan un fito que quedará gravado na súa memoria e que se reflectirá no imaxinario da súa obra. Regresa a Galicia e instálanse na Coruña. Seguindo os consellos da familia, inicia a carreira de Dereito en Santiago de Compostela en 1953, aínda que nunca chegará a exercer como avogado. Continúa a súa inquietude por formarse a nivel artístico; viaxa frecuentemente a Madrid, onde visita o Museo do Prado e o de Ciencias Naturais, así como a galería de Juana Mordó, con quen establece amizade. Unha vez rematada a carreira, a súa grande inquietude cultural, o afán viaxeiro, e mais o interese artístico e social lévano a residir en distintas localidades de Inglaterra en 1962. Posteriormente, visita os países escandinavos, Alemaña e Italia, onde profunda na arquitectura de grandes mestres. Ao seu regreso, remata a etapa de formación en Madrid, onde cursa dous anos de Arquitectura e catro de Artes Decorativas. Comeza o camiño como pintor en 1975, ano no que coñece a súa futura esposa e fixa a residencia na Coruña. A partir de 1985 a súa relación profesional será exclusiva coa galería neoiorquina Wally Findlay, de modo que pasará longas temporadas en Nova York. Foi recoñecido con galardóns como o Premio do Círculo de Belas Artes de Madrid ou o Premio Nacional Álvarez de Sotomayor, e a súa obra figura en destacadas coleccións tanto nacionais coma internacionais.
A súa sólida formación, a gran sensibilidade estética, e as experiencias acumuladas viaxando, resultan cruciais no seu universo plástico, que el mesmo definiu como «a recuperación dun tempo pasado a través do presente». A súa obra fala fundamentalmente de lugares que visitou, e nelas palpita ese «tempo detido» que capta cunha mestría case fotográfica. Estilisticamente, pois, é unha pintura hiperrealista, á que se engaden elementos simbolistas e modernistas, configurando un persoal imaxinario onde afloran sentimentos de intimidade e nostalxia. As súas coidadas composicións, o dominio da perspectiva, a presenza e o reflexo da luz —xoga con espellos, transparencias e brillos—, así como a singular atmosfera conseguida a través do esfumato, son fundamentais na súa pintura. Nas súas creacións ocupa un lugar destacado a figura feminina, requintada e cun importante compoñente simbólico. Ademais dos seus célebres interiores, o retrato foi un xénero que cultivou con éxito.
Tres interiores, dos anos oitenta e noventa, figuran na Colección Afundación. Unha biblioteca (The New York Public Library), un café (O Mozart de Viena) e un interior de decoración clásica. Tres localizacións únicas que son representadas cunha impecable factura, de maneira que retrata os obxectos cunha fidelidade insólita, case fotográfica. As perspectivas que emprega, xunto co tratamento da luz, permítenlle crear atmosferas únicas, nas que practicamente se palpa o aire que rodea os obxectos, e xerar esa sensación de tempo detido. Son obras que reflicten o seu afán por pintar espazos únicos e inigualables que el mesmo define en contra da «cultura do seriado, o que se acaba de estrear, o prescindible e substituíble».
Bibliografía
-Amón, Santiago: Rogelio Puente. A Coruña, Xunta de Galicia, 1988. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -VV. AA.: Arte galego en Caixa Galicia. A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1992.