ANTONIO PUGA
Puga, Antonio
( Ourense, 1602 - Madrid, 1648 )
Biografía
Pintor ourensán considerado o primeiro artista galego notable, é rescatado do esquecemento grazas á investigación sobre a súa vida e obra realizada por dona María Luisa Caturla, que en 1982 presenta o estudo máis completo sobre o autor, discípulo de Velázquez, e a quen lle debe o recoñecemento como pintor da corte de Filipe IV. Nado no seo dunha familia modesta —o pai era xastre—, a súa formación artística parece estar vinculada con Pedro Gutiérrez —mestre de talla— e co seu irmán maior, Gregorio de Puga —ourive e mordomo do conde de Humanes. O comezo da súa traxectoria artística sitúase en Sevilla, posteriormente trasládase a Madrid, cidade na que en 1630 traballa xunto co seu mestre Eugenio Caxés —un dos pintores máis característicos do primeiro terzo do século XVII español e piar fundamental do naturalismo madrileño— na realización de dous lenzos de batallas para o Salón de Reinos do Palacio del Buen Retiro; os dous quedan inacabados por mor da morte de Caxés. Unha vez finado Caxés traballa máis libremente e a súa pintura adquire unha maior personalidade, aínda que tivo que producir maiormente por encarga das institucións rexia e eclesiástica. En 1635 debeu padecer unha grave enfermidade, pois outorgou testamento en marzo dese mesmo ano, e por este documento sábese que contaba cun obradoiro propio. Como pintor estableceu unha relación profesional con relevantes personaxes da súa época como Juan Bautista Martínez de Mazo (xenro de Velázquez), así como con diversos artistas madrileños como Francisco Barrera —pintor de peixes e froitas— ou Juan de Solís —decorador e escenógrafo do Buen Retiro. Así mesmo, foi coleccionista non só de pinturas de artistas contemporáneos, senón tamén de debuxos, libros ou armas. A súa obra está representada en diferentes coleccións galegas como as dos museos de Pontevedra, Ourense, Vigo, no Museo do Prado en Madrid, e en distintos museos de Europa e América.
Consonte os estudos que existen ata a data, son máis abundantes as atribucións ca as obras autentificadas, pois Puga non acostumaba asinalas e só en moi poucas ocasións as rubricou no reverso; o San Jerónimo (1636) do Bowes Museum de Bernard Castle (Gran Bretaña) é a única obra segura da súa man. En canto ao seu estilo, afirma Caturla: «Empeza dentro do manierismo escurialense, despois semella que pasa a derivacións velazqueñas e, pouco antes de morrer, alcanza unha altura espiritual e técnica que encaixa con honra na grande evolución artística europea”. Os seus referentes principais son Velázquez e Tiziano, aínda que tamén se poden apreciar influencias de Ribera e Caravaggio. A nivel temático aborda as máis habituais dun pintor de corte do século XVII: relixiosa, retrato, pintura alegórica, e escenas de xénero —a súa temática máis recorrente e na que destacou especialmente. Os seus personaxes, de marcados trazos e grandes mans, adoitan aparecer nos primeiros planos situados sobre fondos neutros e cunha paleta sobria fundamentada na gama dos ocres e terras, así como cun tratamento da luz de corte tenebrista que lles outorga ás composicións unha gran teatralidade.
Na Colección Afundación figura un óleo de temática costumista. Puga representa o Bebedor en primeiro plano sobre un fondo neutro, e tras unha mesa na que se sitúan unha serie de obxectos que caracterizan o personaxe, ao tempo que reforzan a atmosfera da composición. A marcada fisionomía do protagonista, a paleta restrinxida, e o tratamento da luz potencian o seu realismo, próximo á etapa sevillana de Velázquez.
Bibliografía
CATURLA, M. L.: Antonio de Puga, pintor gallego, Fundacion Barrié de la Maza, A Coruña, 1982.
CAMÓN AZNAR, J.: La pintura española del siglo XVII, Tomo XXV, Summa Artis, Espasa Calpe, Madrid, 1977.
DICCIONARIO Larousse de la Pintura, Vol. III, Planeta-Agostini, Barcelona, 1987.
LAFUENTE FERRARI, E.: Breve historia de la pintura española, 4ª edición, Edit. Tecnos, Madrid, 1953.
MAYER, A. L.: Historia de la Pintura española, 3ª edic, Espasa Calpe, Madrid, 1947.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.