• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

QUESADA

Quesada Porto, Fernando

( Ourense, 27 de agosto de 1933 - Vigo, 17 de junio de 2016 )

Biografía

Fillo dun funcionario de Facenda e dunha profesora de piano, é o terceiro de seis irmáns, nunha familia na que todos, incluídos cónxuxes e descendentes, van ser artistas; a súa esposa será a pintora Ana Legido e dous dos seus fillos serán artistas. Autodidacta, empeza pintando ao carón do seu irmán Xaime no río Barbaña. O seu traballo plástico céntrase fundamentalmente na caricatura. Así inicia unha colaboración —diaria e ininterrompida ata a fin da súa vida— co diario vigués Faro de Vigo en 1961. Dá o salto á prensa nacional tres anos máis tarde, primeiro en Pueblo e Arriba, e despois en revistas como Blanco y Negro, Gaceta Ilustrada, Cambio 16, Interviú ou La Codorniz. Por este labor será galardoado con grandes premios como o Mingote do diario ABC, o Plomada Agromán ou o da Xunta de Galicia ata en dúas ocasións ou o Reconquista, entre outros. Como pintor, realiza a primeira mostra individual na súa cidade natal en 1976, á que seguirán mostras —máis ben ocasionais e sobre todo colectivas— en cidades de Galicia, e despois España, Europa e América do Sur. Na súa última etapa entregouse máis á pintura e realizou exposicións individuais en Vigo, Ourense e Madrid. Está representado en coleccións como a do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.

O humor é o piar sobre o que se sustenta o seu universo artístico. Na súa pintura, ao igual ca nos seus debuxos, adivíñase o seu gusto por definir tipoloxías humanas características. Nas súas caricaturas políticas, en ocasións pode aproximarse ao grotesco, con todo, nas súas pinturas fai acto de presenza normalmente de maneira sutil. Exprésase a través dunha poética realista libre, próxima ao expresionismo e sustentada nun firme debuxo. Na súa pintura presenta unha visión abarrocada, irónica, con certas notas de acidez, pero ao mesmo tempo cándida e tenra, repleta de imaxinación e tamén de cor, con referencias oníricas. Son imaxes, que en ocasións evocan o pasado, nas que aparecen personaxes que lembran a El Bosco, Brueghel, Goya, Daumier ou Toulouse-Lautrec.

Na Colección Afundación figuran dúas caricaturas e dez óleos do autor. Nas viñetas, de gran forza en branco e negro, amosa a retranca e o humor galegos, cun dominio compositivo e unha notable capacidade sinóptica. Nas pinturas aparecen os seus característicos personaxes, agás en Paisaje e Caserío, as dúas de 1980, nas que representa unhas peculiares vistas, dominadas pola xeometría con casas que se sitúan nuns outeiros de abrupto terreo, creando un suxestivo dinamismo. O surrealismo aparece intensamente nas obras dos oitenta: Cocineros, debedora das súas ilustracións, Máscara y viejo, e El sueño, na que aparece unha fiestra que lle permite establecer unha serie de xogos visuais, igual ca en Dama en verde —que parece revivir o París retratado por Toulouse-Lautrec mediante unha pintura matérica e grumosa e unha atmosfera pesada— o mesmo ca La casa de la Ville, Mimi e Elvirita, todas dos noventa.

Bibliografía

Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.

Laiglesia, Alvaro de:Humor gráfico español del siglo XX. Madrid, Salvat edit., 1970. 

VV.AA. “Quesada 99” catálogo coa obra reproducida; Faro de Vigo, 9/4/99 reprodúcese a obra.

Obra

  • Pasa a folla, Benito

    Pasa a folla, Benito 1980

  • Elvirita

    Elvirita 1998

  • Caserío

    Caserío 1992

  • Dama en verde

    Dama en verde 1991

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78