ROMÁN RIBERA
Ribera Cirera, Román
( Barcelona, 13 de diciembre de 1848 - 29 de mayo de 1935 )
Biografía
A súa formación artística levouna a cabo na Escola de Belas Artes da súa cidade natal. En 1873, atraído polo grande ambiente dos novos artistas españois en Roma, trasládase á capital de Italia, para ampliar estudos na Academia Chigi e no Círculo Internacional de Belas Artes. Alí coñeceu a Mariano Fortuny, cuxa influencia será decisiva na súa técnica que, desde un realismo certamente conservador, evoluciona cara ao impresionismo solto, de mancha nerviosa, nun afán de captar o movemento, que será a característica da súa obra máis destacable.
En Roma permaneceu tres anos, nos que pintou sobre todo escenas de xénero. Estes cadros lévaos a París e preséntaos na Exposición Universal de 1878 e obtén un considerable éxito. Un deles, titulado "Un bebedor flamenco", enviouno á Nacional de Belas Artes de Madrid, en 1881.
A súa fama, considerablemente estendida, proporciónalle galardóns como a Cruz de Isabel a Católica. En 1880, regresa a Cataluña e expón reiteradamente na Sala Parés, de gran tradición na cidade condal, e na Sala Bosch de Madrid. Na citada galería barcelonesa é firma en permanencia ata o seu falecemento, segundo historia Joan A. Maragall na súa documentadísima obra sobre ela.
Foi tamén un excelente retratista, sobre todo de modelos femininos, aos que lles imprimiu unha graza viva e dinámica de considerable atractivo. É, sen dúbida, un dos artistas máis definidores dos anos finiseculares e primeiro cuarto da centuria que xa finaliza.
O Museo de Barcelona garda obras de Ribera Cirera moi populares, como “El amanecer” ou “Epílogo de un baile”. Sobre todo, "El viejo sacristán", cunha ambientación en terras, rosas e carmíns de exquisita calidade e mancha digna dos bos momentos do seu contemporáneo José Benlliure, con quen ten considerables semellanzas.
Hoxe, o coleccionismo de pintura decimonónica busca a obra de Ribera Cirera como a dun dos mestres do seu tempo. Porque, sen dúbida, foi un gran pintor, aínda que estivese un tanto esquecido no segundo terzo do século XX.
Bibliografía
-Gaya Nuño, Juan Antonio: Arte del siglo XIX. Vol. XIX de "Ars Hispaniae".
Madrid, Edit. Plus Ultra, 1966.
-Ossorio y Bernard, M.: Galería biográfica de artistas españoles del siglo XIX.
Madrid, Librería Gaudí (facsímil), 1975.
-Gudiol Ricart, J. M., Alcolea Gil, Santiago y Cirlot, Juan Eduardo: Historia de la pintura en Cataluña.
Madrid, Edit. Tecnos, S.A.
-González, Carlos y Martín, Montserrat: Pintores españoles en Roma (1850- 1900).
Barcelona, Edit. Tusquets, 1987.
-Garrut, José María: Dos siglos de pintura catalana (XIX y XX).
Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1975.
-Maragall, Joan A.:Historia de la Sala Parés.
Barcelona, Edit. Selecta, 1975.