X. CORREDOYRA
Rodríguez Corredoyra, Xesús
( Lugo, 5 de abril de 1889 - Santiago de Compostela, 6 de diciembre de 1939 )
Biografía
Unha verdadeira obsesión polo debuxo e a pintura amosa desde moi novo este de lugo, estraño, pintor de considerable influencia literaria, místico ou lúdico segundo as ocasións, que ós catorce anos é bolseiro da Deputación Provincial lucense para estudiar en Madrid, onde segue clases con Sorolla, Cecilio Pla e Zuloaga, que será máis adiante o seu protector, e á amizade do cal se deben moitos dos retratos que fixo o galego e de quen recibe as máis fortes influencias, aínda que o racialismo do vasco deriva en misticismo en Corredoira. A estancia madrileña de Corredoira non é longa. Regresa a Galicia, pinta, debuxa e proba sorte nas Exposicións Nacionais de Belas Artes, para conseguir mencións honoríficas nas de 1908 e 1910. Sete anos máis tarde, co seu cadro "Escuela de cantores", logra a segunda medalla. Este cadro ten xa ben definidas as características da estética do galego, que acusa a influencia do cordobés Julio Romero de Torres; claro que nos modos, non na tendencia estilística. Reside primeiro na Coruña e máis tarde en Compostela, na aldea de Portela, onde transcorrerá unha grande parte da súa vida. Santiago atraía porque en 1910 conseguira a medalla de ouro na exposición rexional celebrada alí. Os cadros de Corredoira viaxan. Concorre a certames en Bos Aires e Santiago de Chile, onde máis tarde, en 1922, fará unha exposición persoal. Outra fíxoa en Bilbao, en 1918. Tamén se dá a coñecer na Habana e Nova York, auspiciado pola Hispania Society do matrimonio Hungtinton, preto do cal gozaban de influencia Zuloaga e Sorolla, amigos seus. Temperamento cambiante, pasa do lúdico ó sombrío. Na aldea onde se recluíu fantasea, le, pinta e soña. De cando en vez evádese dese ambiente de soidade para trasladarse a Madrid, onde cumprimenta encargos de retrato, moi ben retribuídos, ou gasta alegremente os cartos conseguidos en América cos seus cadros, vendidos a altos prezos. Dáse del unha referencia de elegante, mesmo dandy, afeccionado ós praceres caros e ó mundano, en rotundo contraste coa imaxe de home triste e túzaro que podería imaxinarse ó ver boa parte da súa producción. A obra de Corredoira ten diversa fortuna. O artista, esquecido durante os anos da guerra civil, falece ó que remata a contenda na indicada aldea compostelá, en 1939. A obra de Corredoira atópase en museos de Galicia e mais en importantes coleccións institucionais e particulares. É un pintor moi desigual, ás veces tenebrista, outras deliberadamente imitador do Greco ou de Zuloaga. A súa paleta é escura e nela abondan os negros, os verdes cadmio e os azuis ultramar. Un autorretrato que conserva o Museo de Lugo fálanos do temperamento romántico, soñador do artista, que quere dar de si mesmo unha imaxe estilizada. Atreveuse con complexas composicións de ámbito relixioso nas que se amosa un pouco envarado, ríxido. É máis feliz nos retratos, onde consegue sempre o carácter do retratado. Tamén acode ós temas folclóricos, en bos modos de pintor, un tanto sorollescos, coma é o caso da Charra do mesmo museo lucense.
Bibliografía
Barreiro, Alejandro: Del arte gallego. A Coruña, 1917.
Carballo Calero, María Victoria: Catálogo de pintura del Museo Provincial de Lugo. Lugo, 1960.
Chamoso Lamas, Manuel: Arte en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Excmo. Ayuntamiento,1992.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
Sobrino Manzanares, María Luisa: Artículo en Gran Enciclopedia Gallega. Vol. VII. Gijón, S. Cañada, Edit. 1974.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega. 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.