• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

SEBAS ANXO

Rozas Álvarez, Sebastián Anxo

( A Modia, Cambados, Pontevedra, 1971 )

Biografía

Fórmase na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde obtén a licenciatura na especialidade de Pintura no ano 1996. Posteriormente continúa a súa formación artística no Obradoiro de Pablo Ruiz Picasso do MACUF na Coruña (1998) (dirixido polo mestre José Hernández), así como no Obradoiro Modest Cuixart na Coruña (2001), e en distintos obradoiros de gravado en anos sucesivos en Barcelona e na Fundación CIEC de Betanzos. En 1999 obtén a bolsa Valdearte do Barco de Valdeorras. Comeza a súa actividade expositiva en 1992 en Vilagarcía de Arousa, na Sala Digámel e na Casa da Cultura, e nos anos seguintes expoñerá en distintos enclaves do territorio galego, así como en Portugal e Arxentina. Desde o ano 2004 exerce como docente da materia de Debuxo. Foi galardoado co primeiro premio no Concurso de Pintura Encontro de Outono de Santiago, o premio accésit no III Premio de Pintura Eixo Atlántico (1999), o premio adquisición na VIII Bienal Internacional “Pintor Laxeiro” (2007) e o premio accésit do II Premio de Pintura Antón Rivas Briones de Vilagarcía (2007), entre outros. A súa obra está presente en destacadas coleccións institucionais e privadas como a Colección de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, Casa de Galicia (Madrid e Lisboa), Concello de Santiago de Compostela, Museo Construtivista de Málaga ou a do Museo Provincial de Lugo.

Nas súas coloristas obras emprega a técnica da colaxe que comezou a explorar na Facultade de Belas Artes e na que habitualmente anacos de papel se mesturan con pintura e liñas debuxadas; evidencian unha influencia do cubismo sintético. Eses anacos de papel proceden na maioría dos casos de obras propias destruídas; outórgalles unha segunda vida e recorda a Kurt Schwitters na reciclaxe de elementos descartados aos que lles dá un novo significado na arte. A liña é fundamental na súa obra, na que aparecen debuxadas con trazos expresionistas figuras humanas, personaxes grotescos, animais e criaturas imaxinarias… seres que recrean unha mitoloxía persoal e nos trasladan a un mundo lúdico e onírico. Percíbense na súa produción reminiscencias de movementos artísticos a priori contrarios, entre eles o surrealismo, así como unha disputa entre a orde e a desorde, e a presenza de recursos formais dispares e, en ocasións, opostos. Nos últimos anos o matérico acada novas cotas nas súas colaxes, pois recorre a anacos de madeira reutilizados; aproxímase deste xeito ao universo escultórico, con referencias aos seus admirados Leiro e John Davies.

Na obra Arco da Vella (2000), que forma parte da Colección Afundación, o autor fai referencia ao arco da vella, en alusión ao mundo infantil que evoca a súa linguaxe plástica. Selecciona un dos seus medios favoritos, a colaxe, para construír unha sorte de friso no que se suceden elementos figurativos (nubes, siluetas humanas, sombreiros ou escaleiras) mesturados con grafismos, liñas ou formas abstractas. A repetición de elementos, a paleta baseada en cores primarias, xunto co xogo de veladuras, xeran un espazo ideal no que se evidencia esa busca da “belleza de lo azaroso” á que Sebas Anxo se refire ao falar da súa obra.

Bibliografía

Sánchez Suárez, Ciro: Nubes, Chuvia, Temporais de Soños. Lugo, Galería Clérigos, 2001.

VV.AA: V Bienal Pintor Laxeiro. Lalín, Concello, 2001. Novos Valores. Pontevedra, Diputación, 2000.

A Escultura actual de Galicia. Galicia Terra Única. Compostela, Xunta de Galicia, 1997.

Homenaxe a Sevillano. Xunta de Galicia, 1995.

Obra

  • Arco da vella

    Arco da vella 2000

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78