DIEGO SANTOMÉ
Santomé , Diego
( Vigo, 1966 )
Biografía
Esta é a actitude de Diego Santomé, novo valor plástico, nacido en Vigo en 1966. Participou na exposición «Indisciplinados», do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, na segunda Bienal de Videoarte, en Israel, e posteriormente realizou mostras individuais en Artium, de Vitoria, e na Galería Pilar Parra de Madrid. A súa última aparición foi na mostra «Sen xeración», do Auditorio de Galicia, en Compostela, e última obra para a vixésimo novena edición da Bienal de Pontevedra.
Con achegas e suxestións de diversas persoas, cuxas vidas e peculiaridades estuda, Santomé busca a súa expresión, implicada socialmente, recuperando tradicións artesanais, para reducir e ata suprimir a ideal distancia entre o artista e o público en xeral.
Obxectos comúns, como bólas de billar americano, múltiples e estudadamente situadas nun espazo indeterminable, constitúen o seu reto de atención ao espectador, acaso pensando na obra do escritor australiano, premio Nobel de Literatura, Patrick White e as súas Esferas do mandala.
Así, a obra participa da instalación, do móbil variable, para ser expresión única e múltiple. Aquilo que parece ser alleo á intención convencionalmente creativa é, á fin, vangarda plástica, se ben enlazada con modos de proceder que xa son historia nas páxinas dedicadas a estudos sociais.
Bibliografía
DIEGO Santomé. Peza de esquina e outros espazos en conflicto, CGAC, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2015.
DIEGO Santomé, Artedardo, Santiago de Compostela, 2007.
MAKING off / Diego Santomé, ARTIUM, Vitoria, 2005.
TRABALLOS temporais. Unha película de Diego Santomé, Fundación MARCO, Vigo, 2007.