MANUEL SENDÓN
Sendón Trillo, Manuel
( A Coruña, 11 de junio de 1951 )
Biografía
Estuda a licenciatura de Matemáticas entre 1968 e 1973, e posteriormente, déixase levar pola súa vocación artística e doutórase en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 1997, onde xa uns anos antes, en 1993, inicia o seu labor como profesor de Fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; tamén será responsable do Grupo de Investigacións Fotográficas desta universidade. De maneira conxunta, con Xosé Luís Suárez Canal, crea en 1985 o Centro de Estudos Fotográficos de Vigo (CEF); dirixen a Sala dos Peiraos (1985-1991), o proxecto Vigovisións (1986-2000) e organizan a Fotobienal de Vigo (1984-2000), na que tamén exercen como comisarios; labor que desempeñan noutras importantes exposicións. A súa colaboración tamén abrangue a publicación de monografías sobre fotógrafos históricos galegos como: Ramón Caamaño, Luis Rueda, José Suárez, Arquivo Pacheco ou Arquivo Sarabia, que se complementan cunha mostra, así como a edición das coleccións Álbum e Do Trinque. A título individual publica artigos e libros relacionados coa imaxe e a arte fotográfica. Dentro da súa faceta artística, comeza a actividade expositiva en 1983, en mostras individuais en Ferrol (A Coruña) e en Vigo, onde establece a residencia. Desde entón, realizou exposicións individuais en Vigo, A Coruña, Santiago, Braga, Porto, Newcastle, Caracas, México DF ou Salvador de Baía, e participou en colectivas nas principais cidades galegas, Europa e Estados Unidos, así como en reputadas feiras como Liste Köln (Colonia), Berliner Liste (Berlín), Bridge Art Fair (Nova York), Sh Contemporary (Shanghai) ou ARCO (Madrid). A súa obra inclúese en coleccións como a do CGAC, Unión Fenosa, MNCARS, Centro de Arte Dos de Mayo de Madrid ou a do Marugame Hirai Museum (Xapón).
Na súa persoal obra, que organiza en series, exprésase a través dunha poética vinculada ao realismo documental, na que prima a calidade a nivel técnico xunto coa claridade e a precisión, co foco posto na relación do territorio co ser humano; reflexiona acerca do emprego da fotografía de paisaxe —Paisaxes—, o paso do tempo —Tempos que hai neste tempo—, a construción da memoria persoal —Memoria do álbum—, e temas ligados a Galicia a partir de 2002 como a catástrofe do Prestige —Cuspindo a barlovento—, o abandono das casas do medio rural ‑Casas doentes—, a fin do cinema como experiencia colectiva —Derradeira sesión—, o estudo directo e a vivencia para coñecer a paisaxe —Mil ríos (con Fran Herbello) e Perimetrada—, os espantallos, que engloban feísmo, reciclaxe e arte —Espantallos—, a irracionalidade da construción —Vai facendo—, ou sobre os obxectos levados polo mar ata a Costa da Morte —Crebas—, serie que desenvolve desde 2005 ata 2020.
A fotografía da Colección Afundación pertence á serie Paisajes (1989-1991), na que reflicte, desde unha perspectiva irónica, o uso que se fai de fotografías de paisaxe. O compoñente crítico radica na paradoxal e abundante presenza decorativa de paisaxes idílicas en interiores, mentres os espazos naturais se maltratan e desaparecen. Nesta obra, sobre unha repisa dun local comercial de Vigo, aparecen, entre outros elementos, un salmón que parece integrarse na fotografía dun río noruegués situada detrás del, algo que sorprende o artista dada a abundancia de ríos en territorio galego; prodúcese de maneira azarosa un diálogo entre o obxecto e a imaxe do fondo que consegue plasmar con eficacia.
Bibliografía
Sendón, Manuel: Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965). Vigo. Edicións Xerais, 1998. Sendón, M. y Suárez Canal, X. L.: En Galiza nos 50. As agrupacións fotográficas. Vigo, Concello, 1990. Ourense de auga e pedra. Vigo, Edicións Ir Indo. 1990. VV. AA.: O mar. Vigo, 1985. VV. AA.: Dende o Atlántico. Vigo, 1988. VV. AA.: Crónica dunha cidade. Vigo, 1988. Ledo Andión, Margarita: Documentalismo fotográfico contemporáneo. Vigo. Edicións Xerais, 1995.