XOSÉ LUÍS SUÁREZ CANAL
Suárez Canal, Xosé Luis
( Allariz, Ourense, 1946 )
Biografía
Probablemente o ambiente intelectual e artístico da súa familia influíu na vocación pola imaxe como posibilidade estética deste fotógrafo e estudioso incansable, iniciador e animador de actividades fructíferas que proporcionaron a Vigo, cidade onde reside, un acervo excepcional, depositado no Centro de Estudios Fotográficos, na Casa das Artes. É licenciado en filoloxía moderna e profesor de ensinanza media nun instituto vigués. Parente do escritor Marcial Suárez, e sobriño tamén do fotógrafo José Suárez, dirixiu a publicación do libro con traballos deste mestre, titulado "Galicia, Terra, Mar e Xentes". Recibiu unha bolsa da Xunta de Galicia para a catalogacióne estudio da obra, moi dispersa, de dito artista, e participou nos encontros de fotografía de Lorient, Francia. Con Manuel Sendón dirixe conxuntamente o mencionado Centro de estudios fotográficos, e con el coordina as Fotobienais, que tanto prestixio deron a Vigo nesta modalidade. Editou numerosos álbumes de fotografía, como son a serie dedicada a firmas galegas, que supera xa a decena, así como o volume "En Galiza NOS 50" , dedicado a estudia-las agrupacións fotográficas do país. A estética de Suárez Canal parte dun realismo máxico que ten a súa principal atracción no pintor René Magritte, ó reinventar a realidade e trascendela desde as súas expresións non convencionais. Un ser anónimo, de costas, silueteado en negro, como se se tratara dun escrutador da relalidade cotiá, sitúase ante paisaxes urbanas, recunchos, muros, rúas solitarias, recordándonos os máxicos espellos do pintor belga citado, capaces de repetir, e non de invertir e reflecti- la imaxe que ten diante. A noite é unha constante no seu traballo, vista en perspectivas preocupantes, de soidade total, con estacións de ferrocarril, lugares portuarios, escaleiras, interiores oclusivos. Tamén lle interesa o mundo da indusria e as construccións de cemento armado, polas súas peculiares texturas, acompañadas de guindastres como esqueletos de xigantescos seres antediluvianos, cunhas estructuras, que en perspectivas inesperadas, enmarcan outros exemplares, distantes e inquietadores. O inanimado personifícao, e o persoal deteno, trastocando a realidade desde conceptos evidentemente surrealistas, aínda que as súas imaxes sexan, á fin, moi concretas, realistas sen apenas concesión de habilidade no laboratorio. Por suposto, o traballo de Suárez Canál vai moito máis alá do mero testemuño ou do documento, aínda que o conteñan á fin, para ser plástica, con altas doses de elaboración mental, aínda que utilice un obxecto mecánico como é a cámara fotográfica, que el consegue que sexa ferramenta, como o é o pincel para o pintor.
Bibliografía
Suárez Canal, X. L: O Mundo Invisíbel. Álbum. Vigo, Centro de Estudios Fotográficos, 1993.
Suárez Canal, X. L. e Sendón, M: En Galiza nos 50. As agrupacións fotográficas. Vigo, Concello, 1990.
Galicia, Terra, Mar e Xentes. Vigo. Edicións Xerais, 1981. Fotobienal. 6 volumes, a partir de 1988.