• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

RAMIRO TAPIA

Tapia Sánchez, Ramiro

( Santander, 1931 )

Biografía

De familia salmantina da vila de Ledesma, naceu na capital cántabra e nela deuse a coñecer como artista, cunha pintura que acusaba influencias do cubismo e, en concreto, de Bracque. Evolucionou cara ao surrealismo para centrarse, definitivamente, nun realismo máxico no que acadou perfeccións formais en verdade exquisitas.

Realizou exposicións en Madrid e en diferentes cidades de España, entre elas Vigo, na década dos sesenta e setenta. Tras residir na capital de España afastouse, para recluírse en Ledesma, onde perfeccionou o seu oficio ata o primor de miniaturista. Posteriormente, adquiriu unha casona antiga no barrio monumental de Salamanca, inmediata ao horto de Melibea que caracteriza a peza dramática La Celestina e restaurouna con tan ideal beleza que hoxe constitúe un atractivo nas visitas turísticas á cidade.

Desde Salamanca, Tapia expandiu a súa arte polo mundo, con participación en mostras colectivas en Milán, Lisboa, etc. Foi premiado na Bienal Internacional de Baiona, en Francia, e está representado en diferentes museos provinciais de España.

O seu último grande éxito é a exhibición de catro obras súas na última fase do ciclo de exposicións «Las Edades del Hombre», en concreto, a denominada «El contrapunto y su morada» que, ao longo de 1993 e 1994, se exhibiu en ambas as catedrais salmantinas.

Os seus mundos imaxinarios, as súas arquitecturas ideais, as súas vexetacións caprichosas, están ditas coa minuciosidade dun miniaturista e coa emoción desta pintura actualísima e intemporal que a un tempo resulta inquietante, xa que en aparencia é fría, excesivamente lóxica e non obstante todo nela é creación, idealidade. Fantasía, en fin, dun inventor de mundos soñables nos que, xunto a referencias concretas, hai aspectos que, máis que expresión plástica, son versos pintados, perfectos como medidos hendecasílabos. E, en certo modo, constitúen unha perenne homenaxe á invención da torre de Babel que fixo o mestre Brueghel, claro que desde un construtivismo propio de volumes rotundos en delicada materia esfumada, con fondos nos que hai cidades monumentais, cúpulas identificables do Renacemento italiano e mil detalles máis que a fan fascinante.

Bibliografía

- Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo.

Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.

- Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes.

Madrid, 1980.

- Diccionario de pintores españoles contemporáneos.

Madrid, Edic. Estiarte, 1972.

Obra

  • ERIZO PLANETA

    ERIZO PLANETA 1971

  • ESPORA METAMÓRFICA

    ESPORA METAMÓRFICA 0

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78