ANTONI TÁPIES
Tàpies i Puig, Antoni
( Barcelona, 13 de diciembre de 1923 - 6 de febrero de 2012 )
Biografía
Membro dunha familia burguesa afeccionada ao mundo da cultura, a súa infancia transcorre nun ambiente aberto e estimulante. En 1934 inicia os estudos de Bacharelato en Barcelona. O seu interese pola arte contemporánea nace aos once anos da lectura do número que a revista D`aci y d`allà lles dedica ás vangardas. A súa xuventude está marcada pola Guerra Civil e por unha enfermidade pulmonar que o reclúe nun sanatorio (1942-43). Aí cultiva a lectura, a música, o debuxo e a pintura (fundamentalmente copia reproducións de Van Gogh e Picasso). En 1944, alentado polo seu pai, avogado de profesión, comeza a estudar Dereito; abandona pouco antes de rematar para dedicarse á práctica artística. De formación autodidacta, unicamente estudou por un período breve na Academia de Nolasc Valls. É cofundador da revista e movemento Dau al Set (1948-1951), liderado polo seu amigo Joan Brossa. En 1948 expón por primeira vez no I Salón de Outono de Barcelona e un ano máis tarde realiza a súa primeira exposición individual nas Galerías Layetanas. Ao ano seguinte, é bolseiro do Instituto Francés, trasládase dez meses a París. A partir de 1952 establece unha relación profesional coa mítica marchante Martha Jackson, que lle abre as portas do mercado internacional. En 1954 casa con Teresa Barba, coa que terá tres fillos, e en 1955 funda, xunto a outros compañeiros, o grupo Taüll. A súa intensa actividade expositiva lévao a exhibir a súa obra nos máis destacados espazos a nivel mundial. En 1992 inaugura en Barcelona a Fundación Antoni Tàpies. É considerado un dos artistas cataláns máis internacionais, e foi galardoado con destacados premios como a Medalla de Ouro da Generalitat de Cataluña (1983), o Premio Príncipe de Asturias das Artes (1990), a Medalla Picasso da Unesco (1993) ou o Premio Velázquez de Artes Plásticas (2003). Así mesmo, en 2010 obtén o título de marqués de Tàpies.
Pintor, gravador, escultor e teórico da arte española, na súa primeira etapa xunto ao grupo Dau al Set as súas obras encádranse dentro dun surrealismo figurativo con influencias de Joan Miró e Paul Klee. A partir do seu afastamento do grupo, en 1951, experimenta a abstracción xeométrica para evolucionar cara ao informalismo e dentro deste á “pintura matérica”. Emprega materiais de refugallo (po de mármore, papel, palla…) que lle confiren ás pezas aspecto de muro —en paralelismo co seu apelido— e unha paleta austera en ocres, marróns, grises, beixes e negros; tonalidades que relaciona con aspectos filosóficos interiores ao ser humano. A súa persoal iconografía confórmana cruces, letras, figuras xeométricas, signos… cuxa intencionalidade alegórica alude a cuestións existenciais como a vida e a morte, a soidade, a incomunicación ou a sexualidade. Nos setenta realiza as súas primeiras creacións escultóricas mediante a técnica da ensamblaxe, e nos oitenta desenvolve un traballo máis íntimo e persoal con bronce e terra cocida.
Especial interese ten a súa produción como gravador. En Obxectos (1980) constatamos a súa tendencia a mesturar distintas técnicas. Sobre un fondo en tonalidades marróns insírense dúas cruces negras e uns signos brancos, de gran densidade matérica, que compoñen unha fórmula matemática cuxo resultado se atopa cifrado. A conxunción dos seus elementos iconográficos característicos (círculo, cruz, t, signos) evidencia a intencionalidade simbólica da peza ao tempo que evoca elementos do graffiti. Dúas augafortes de comezos dos oitenta completan a súa obra na Colección Afundación; nelas recoñécense figuras xeométricas, trazos xestuais e as pegadas características da súa linguaxe plástica.