MINGOS TEIXEIRA
Teixeira Rodríguez, Domingo J.
( Vigo, 1955 )
Biografía
A súa formación artística comeza na Escola de Artes e Oficios de Vigo, en cursos de debuxo e pintura, aínda que el se considera autodidacta. A súa carreira artística estréase na colectiva Premio Francisco de Goya de Madrid, en 1980, e a súa primeira exposición individual en Vilagarcía. Despois virán numerosas mostras individuais e colectivas nas principais cidades galegas e españolas, así como en Stuttgart, Ravenna, Nova York, México, Porto ou Lisboa. Foi galardoado co primeiro premio Allianze Française, primeiro premio internacional Baixo Miño, segundo premio Fundación Villabrille, entre outros, e a súa obra está representada en coleccións de museos como os de Belas Artes da Coruña e Santander, Museo Provincial de Pontevedra, Museo Quiñones de León de Vigo, Museo Municipal de Ourense ou Museo Provincial de Lugo. Compaxinou o seu traballo artístico cun intenso labor académico e divulgador en relación coa arte e a creatividade, en artigos en diferentes publicacións, explorando a crítica artística e o comisariado de exposicións.
Dentro da súa faceta artística, cultivou a fotografía, o cartelismo, a ilustración, o deseño e de maneira especial a pintura. Posuidor dun xenuíno carácter, centrou a súa investigación pictórica na cor e a composición desde unha postura existencialista e cun afán innovador en canto á expresividade. Para iso emprega unha linguaxe con certas doses de lirismo e chea de suxestións e insinuacións, que lembra o expresionismo abstracto, en concreto o informalismo español do grupo El Paso, de maneira especial cando traballa composicións de fondos incertos nos que aparecen formas, manchas, e diferentes trazos —de cromatismo unhas veces exultante e outras máis intimista—, con texturas e densidades contrastadas na materia.
Nas sete obras pictóricas que figuran na Colección Afundación recoñécense as súas recorrentes referencias cósmicas e telúricas, así como humanas, nunhas composicións nas que abundan os xogos texturais, xestuais e cromáticos. En Mujer gallega desnuda (1988), a máis temperá, é na única onde o elemento referencial é evidente aínda que no tratamento do fondo xa se adiviña a poética propia do artista, mentres que en El adiós (1989), En Flandes se ha puesto el sol (1990), Dios solo puede ser nombrado a través de las cosas más deformes (1992) e Meditaciones poéticas (1994) nos traslada a través do xesto a mundos descoñecidos de fantasías, e referencias a volcáns ou distintas formas do planeta Terra. En Retorno á terra (1999) comprime de maneira significativa e ilusoria o espazo pictórico e establece un xogo entre elementos contrapostos: xeometría-xesto, tonalidades frías-tonalidades cálidas, pincelada sosegada-pincelada xestual… para recrear a sensación de profundidade e, deste modo, introducirnos no cadro. Na súa obra máis tardía, Encantamiento mágico (2005), divide a superficie pictórica en dúas composicións nas que xesto, materia, pincelada e cor establecen unha especie de xogo de opostos de maneira que crean unha composición de grande elegancia e equilibrio.
Bibliografía
-VV. AA.: Feitizo. Alicante, Sala Municipal, 1995.