LUIS TORRAS
Torras Martínez, Luis
( Vigo, 29 de diciembre de 1912 - 14 de enero de 2024 )
Biografía
Fillo dun empresario catalán empeza a debuxar moi novo con Maximiliano Vidales Espinosa, mestre de Laxeiro. Os gravados de La ilustración española y americana e, sobre todo, unha exposición que Colmeiro realiza no Faro de Vigo determinan o seu desexo de ser artista. Abandona os estudos de comercio e fórmase para ingresar en 1935 na Escola de Belas Artes de San Fernando. Estoura a guerra civil e no verán de 1936, ao inicio da contenda, é incorporado ao exército (como consecuencia quedaralle como secuela unha xordeira permanente). En 1941 volve a Madrid para rematar os estudos. Obtén o título de profesor de Debuxo, profesión que exerce primeiro na capital e, desde 1954, na Escola de Artes e Oficios viguesa. Realiza a primeira individual no Casino de Vigo, en 1946. A partir de 1954 participa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes; consegue mencións (1960 e 1968), e terceira medalla (1962) cun bodegón. Tamén será galardoado na primeira edición do Certame Unión Fenosa (1989). Expón en Madrid, Bilbao e Barcelona. Entre 1973 e 1974 realiza un importante mural no edificio central de Caixavigo, institución que lle dedica unha das súas primeiras mostras antolóxicas de Grandes Artistas Gallegos en 1985. En 1998 o Concello de Vigo crea a Colección Torras —con sede na Casa das Artes— onde se atopa unha significativa parte da súa obra, tamén representada en destacadas coleccións públicas e institucionais como a do MNCARS (Madrid), Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), CGAC (Santiago de Compostela) ou a do Museo de Pontevedra, así como en importantes coleccións privadas.
Ao longo da súa dilatadísima traxectoria, este fantástico pintor consolidou unha inconfundible linguaxe artística. Seguidor de Cézanne e mais do cubismo —tras as etapas iniciais realistas (influídas pola obra de Pancho Cossío)— a súa pintura irase esencializando. A súa linguaxe constrúese grazas a un sólido debuxo e unha depurada técnica (emparentada co fresco) mediante a que crea superficies texturizadas rugosas nas que a potencia da paleta empregada (en ocasións foi vinculado coa ascendencia fauve) se ve amplificada. A nivel temático destacan as súas paisaxes —capta de maneira maxistral o campo Castelán— e os seus bodegóns. Se trata temas populares faino cunha personalidade que o distancian de calquera tipismo, ademais é un magnífico retratista.
Na Colección Afundación figuran catro obras pictóricas do autor. A paisaxe do sur de Galicia aparece nos frescos sobre táboa —adoita dotar os seus traballos de cabalete da técnica e textura do fresco; en El berbés (1980) destaca a forza e a rotundidade así como o firme debuxo, e en Paisaje de la lanzada (1970) representa unha vista da praia esquematizada nunha sucesión de onduladas liñas cun alborozado ceo laranxa. Na obra sen título de 1969 aparecen as súas características figuras escultóricas, vestidas e núas, integradas no escenario dunha praia, co característico perfil de Vigo no fondo. Tradición e modernidade, realidade e ficción, mestúranse nunha escena que pode lembrar en certos aspectos o Concerto campestre de Tiziano. Capea en Albarracín (1985) amosa a súa aproximación ao tema taurino —inusual en artistas galegos— desde unha perspectiva totalmente afastada de calquera aspecto folclórico; crea unha escena caracterizada pola elementalidade na que a estrutura compositiva e a rotundidade da cor (con fortes contrastes entre o vermello e o ocre) a converten nunha obra de gran frescura.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plastica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
Catálogo de la muestra antológica. Vigo, Caixavigo, 1985.
20 años de arte en Pontevedra. Diputación, 1989.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.
Ilarri Gimeno, Angel: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León». Vigo, Excmo. Ayuntamiento. 1978.