• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

JOAQUÍN VAAMONDE

VAAMONDE CORNIDE, JOAQUÍN

( A Coruña, 27/01/1871 - Torres de Meirás, Sada, A Coruña, 18/08/1900 )

Biografía

Artista superdotado, a súa curtísima vida, que non lle permitiu acada-los trinta anos, truncou unha carreira que desde a nada e as maiores dificultades foi fulgurante. Iniciou os seus estudios de pintura con Isidro Brocos, de tan excelente maxisterio e profesor do Picasso neno, que residíu catro anos na cidade atlántica. Non atopa ambiente para a arte na Coruña e decide emigrar a América. A condesa de Pardo Bazán, a súa protectora entusiasta anos máis tarde, recoñece que esa capital de provincia galega era «medio pouco favorable para a creación artística». Deambula por Montevideo e Bos Aires e ha de agarrarse a todo para sobrevivir. Nada se coñece desa aventura americana, da que regresa en 1894, xa cun dominio considerable da técnica do pastel. O rapaz ten 22 anos e está decidido a triunfar. Ofrécese para facer un retrato a dona Emilia Pardo Bazán, á que visita na súa residencia do pazo e torres de Meirás. A proposición, inicialmente rexeitada pola linaxuda escritora, é aceptada e, á segunda sesión, queda encantada da vitalidade e mais da elegancia que transmite o mozo, probablemente un pouco rudo, de xulgar polo seu autorretrato. A escritora leva a pintura á súa residencia madrileña e exhíbea perante as súas amizades, o que é suficiente para que chovan os encargos sobre o artista coruñés. Ó ano seguinte, 1895, preséntase á Exposición Nacional de Belas Artes e obtén mención honorífica. Os retratos proporciónanlle fama e cartos. Posan para el altas personalidades, mesmo a duquesa de Alba. Un dos seus modelos é o doutor Pérez Costales, tamén retratado por Picasso neno e o seu protector na Coruña. Vaamonde viaxa por Europa, visita os grandes museos e comeza a despreza-la súa propia obra, que considera ocasional e inferior á dos grandes mestres. Esa mesma sensación síntea en Madrid, no Museo do Prado, ata o punto de que está decidido a destruí-los seus cadros, o cal impide a condesa de Pardo Bazán. Cando a penas tiña superado os vintecinco anos, Vaamonde enferma de tuberculose. Abandona Madrid e retorna á Coruña, onde vive rodeado de atencións pola súa protectora. A condesa fai frecuentes viaxes a París. Durante unha delas, ó regresar ó seu hotel despois de participar nunha homenaxe a Balzac, un telegrama dálle a noticia da morte de Joaquín Vaamonde na súa casa de Meirás o 18 de agosto de 1900. Escribe sobre o artista, a quen chama "o retratista das elegancias", e cita algunhas das súas pezas, coma o retrato do grande violinista Pablo Sarasate. Despois, o pintor será contrafigura nunha das súas novelas, titulada "La Quimera". A obra de Vaamonde está no Museo de Arte Moderna de Madrid, nos de Galicia, principalmente no da Coruña, e mais en coleccións particulares. Foi un elegante e preciso captador de caracteres, desde o trazo solto, lixeiro, vaporoso das súas barras de pastel. Colorista magnífico, penetra na psicoloxía dos seus modelos, sobre todo cando non ten o compromiso de gabalos-los femininos. Exemplos magníficos son os retratos de costais e o que o tivo a el mesmo por modelo, unha cabeza de cránio ancho, cabelo crencho, cellas e barba poboadas e bigote e barba abondosas, nunha mirada ó mesmo tempo inquisidora e quizais algo miope. E toda esa extensa obra realízaa en pouco máis dun quinquenio, compartíndoa coas súas viaxes e coa asistencia imposta a actos sociais, así como no obrigado repouso da súa enfermidade pulmonar, da que lle dá detalles á escritora que fixo unha novela da vida do pintor.

Bibliografía

-Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976. -VV. AA.: Un siglo de pintura gallega, 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984. -Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980. -Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987. -Pardo Bazán, Emilia: Un novelista. Un pintor. Artigo recollido en «La vida contemporánea». Madrid, Novelas y Cuentos, 1972. -Pardo Bazán, Emilia: La Quimera. Madrid, Edit. Aguilar, 1973. -Naya Pérez, Juan: Joaquín Vaamonde. «Generación doliente», A Coruña, 1977. -Bravo Villasante, Carmen: Vida y obra de Emilia Pardo Bazán. Madrid, Edit. Revista de Occidente, 1962.

Obra

  • Retrato

    Retrato 1894

  • Retrato de la marquesa de Valdeterrazo

    Retrato de la marquesa de Valdeterrazo 1896

  • Retratos

    Retratos 1895

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2020 © Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2020
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78