JESÚS VALVERDE
Valverde Alonso, Jesús
( Vigo, 1925 - Madrid, 1993 )
Biografía
A súa infancia e adolescencia desenvólvense na súa cidade natal e nos arredores, anos nos que xa empeza a manifestar o seu interese pola escultura. En 1941 trasládase a Madrid para realizar estudos de Belas Artes na Escola de San Fernando. Nos seguintes anos completa a súa formación artística en Roma, París e Londres. Realiza a primeira exposición individual no Ateneo de Madrid en 1960, e dous anos máis tarde xa expón en París. Xa casado coa escultora Elena Colmeiro instálanse en Madrid pero manterán sempre un vínculo con Galicia onde teñen un estudio na Ramallosa, (Vigo). A súa vida e case toda a súa carreira artística vanse desenvolver na capital española. Entre os anos sesenta e oitenta participa en mostras colectivas relevantes como co grupo Los Seis Escultores —constitúese nos sesenta en Madrid e intégrase no marco da escultura neofigurativa— en España e no estranxeiro, onde participa en mostras como a de Escultura Contemporánea en Nova York ou Escultura Española en Oslo. Obtén destacados premios e recoñecementos, entre os que cómpre salientarmos a segunda medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, o Primeiro Premio Nacional de Escultura (1967) e o Premio Cáceres de Escultura (1980), e tamén goza de bolsas como a da Fundación Juan March (1965). A mediados dos anos sesenta realiza un dos seus primeiros monumentos públicos, unha maternidade para o Hospital da Seguridade Social de Valencia; en anos posteriores, realizará obra pública en cidades como Vigo ou Madrid. A súa obra está representada en numerosos museos de España e Europa, así como en coleccións particulares.
Excelente debuxante, é máis coñecido pola súa faceta como escultor. A súa obra a nivel temático baséase nunha reflexión universal acerca do home polo que a figura humana —especialmente o nu feminino— é unha constante no seu traballo. Entre os numerosos referentes, cómpre salientarmos a Henry Moore, Bourdelle ou Rosso, aos que reinterpreta cun afán renovador. Traballou con materiais diversos, pero a pedra, e de maneira especial o bronce, son os seus preferidos. Cun notable dominio da anatomía e o debuxo, realiza nos seus comezos unha escultura vinculada a un realismo interpretativo para evolucionar de maneira paulatina cara ao volume e a robustez. Buscando contrastes de luz/sombra, movemento/repouso que fan que os seus homes e mulleres teñan unha gran vivacidade. Co paso dos anos, o obxecto escultórico adquirirá unha maior elementalidade —a nivel espacial gana protagonismo a confluencia de arestados planos, e o baleiro adquire unha maior relevancia como elemento— polo que as súas esculturas se aproximan a unha intensa poética abstracta e orgánica. Entre 1985 e 1990 a súa obra sofre un rotundo cambio, abandona as preocupacións pasadas para explorar a instalación, a montaxe ou as ensamblaxes —cunha veneración ao objet trouvé de Duchamp e ás ensamblaxes de Schwitters— emprega madeira, ferro, ferramentas de construción e refugallos. A comezos dos noventa, o autor retorna ao estilo co que triunfara no pasado.
Bibliografía
Vivanco, Luis Felipe: Jesús Valverde. Madrid, Edit. Nacional, 1960.
Sevilla, Manuel: J. Valverde. Pontevedra, Diputación provincial, 1991.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.