ALEX VÁZQUEZ
Vázquez-Palacios Gómez, Alejandro
( Vigo, 1946 )
Biografía
Na súa árbore xenealóxica a creatividade está moi presente; é sobriño neto do reputado arquitecto do Porriño Antonio Palacios Ramilo e o seu pai é Isidro Vázquez Palacios, precursor da faceta creativa no mundo da publicidade galega. É en 1983 cando se pode situar o inicio da súa actividade expositiva con diversas mostras no sur de Galicia; el mesmo afirma: «A decisión de empezar a expoñer foi a raíz dun premio que lle deron a un dos meus cadros nun certame da Caixa de Aforros de Vigo». Posteriormente, exporá a título individual e colectivo tanto en cidades galegas coma españolas, así como noutras europeas de Alemaña, Inglaterra, Bélxica ou Portugal. Cómpre salientarmos o seu labor como ilustrador, en publicacións de prestixiosos escritores galegos como Francisco Fernández del Riego, Carlos Casares, Darío Xohán Cabana, Francisco Xosé Fernández Naval ou Xavier Alcalá, e a súa faceta de deseñador de edicións de arte ou catálogos, así como de relevantes mostras nas que exerceu de comisario.
Na súa lírica produción pictórica cultiva principalmente a paisaxe, natural ou ben urbana —advírtese a pegada do seu tío avó—, aínda que tamén hai lugar para o retrato ou o bodegón; acostuma a traballar os distintos xéneros por etapas. Alcanza a excelencia como debuxante, e o seu principal interese artístico radica en expresar emocións a través dunha pintura vibrante, xenuína e elegante, de particular equilibrio compositivo e persoal enfoque centrado no detalle. Evoluciona desde o realismo dos seus inicios, con paisaxes urbanas nas que o debuxo tiña un protagonismo fundamental, cara aos seus célebres balcóns, coa cor como axente principal, e finalmente, céntrase na natureza como motivo principal, cunha pincelada que se vai soltando de maneira progresiva, de tal forma que camiña en dirección á abstracción ata chegar a un informalismo, aínda que sen abandonar totalmente as referencias figurativas.
Na Colección Afundación, figura un extenso conxunto de quince obras cheas de emotividade con encadramentos fragmentarios propios do autor. Datadas entre 1983 e 2000, todas elas están realizadas con acrílico —a súa materia principal e predilecta— sobre diferentes soportes: táboa, tea e papel, agás o bodegón, moi inusual no seu quefacer artístico, no que emprega óleo en barras que lle confire á obra unha sorprendente e brillante aparencia. Nas paisaxes urbanas representa unha paisaxe dos tellados de Pontevedra, diversos balcóns, e unha vista da fachada da igrexa de Santa María de Pontevedra; evidencia a súa paixón pola arquitectura, así como unha gran destreza para o debuxo, e unha curiosidade e sensibilidade na observación, cun afán por reflectir o paso do tempo en recónditos espazos. E en relación coa súa atracción cara á popular arquitectura galaica, realiza un retablo con representacións relixiosas, no que logra plasmar pictoricamente as peculiaridades do granito. A natureza, vibrante, na que se impón a cor e abraza a abstracción, aparece representada nun grupo de paisaxes —unha en formato de tríptico que incide na súa visión segmentada— que zumegan silencio e soidade, nas que a luz e a atmosfera deveñen compoñentes principais.