LUIS TRABAZO
Vázquez Trabazo, Luis
( Ourense, 1912 - 1978 )
Biografía
Cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago. Participou na guerra civil coas tropas franquistas, distinguíndose en accións que lle valeron altas condecoracións castrenses. Rematada a contenda, titulouse na Escola de Xornalismo. Estivo ingresado en diferentes sanatorios por estar enfermo de tuberculose. Así, permaneceu en Salamanca, Guadarrama, etc..., ata que se estableceu en Madrid, onde exerceu o xornalismo e a crítica de arte na prensa e na radio. Foi colaborador asiduo da revista cultural "Índice de artes y Letras", da cal a editorial publicou un libro seu de ensaio filosófico. Publicou pequenas monográficas de arte, dando a coñecer en Madrid a artistas galegos coma o escultor Failde Gago, cun estudio que ampliaría anos máis tarde xunto coa obra de Arturo Baltar e Manuel de Buciños, no seu libro máis ambicioso, "Piedra, barro, bronce", publicado en Ourense en 1978. Empezou a pintar serodiamente, quizais convencido de que as súas dotes para a arte lle permitían abordar tódolos campos con el relacionados. Realizou algunhas exposicións en Ourense, Vigo e outras cidades de Galicia e en Madrid. Cultivou fundamentalmente a paisaxe. A súa obra consérvase en museos de Galicia. Trabazo sentía a arte, aínda que o seu oficio de pintor era incipiente. Non obstante, conseguiu darlle emoción, nun postimpresionismo de materia recargada, case en relevo, nun cromatismo sobrio que inicialmente estivo moi próximo ós modos de Prego de Oliver. A morte truncou a súa pintura cando empezaba a personalizarse.
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.