RAÚL VELLOSO
Velloso Lago, Raúl
( Cangas do Morrazo, Pontevedra, 1965 )
Biografía
Testemuña o artista, evidentemente con orgullo, que cando residía en Barcelona e contaba poucos anos, se atopou á porta do Museo Picasso co gran pintor informalista Antoni Tápies, quen o animou a pintar, seguindo a súa vocación moi libre, de autodidacta, interesándose por unha obra incipiente, pero que xa manifestaba personalidade singular.
Comezou a expoñer en Vigo, nun café de encontro de pintores, en 1995. Ese mesmo ano exhibiu a súa obra na Casa Galega de Barcelona, e inmediatamente saltou á prestixiosa galería René Metras da cidade condal. A súa actividade, dende entón, foi constante en Cataluña, Mallorca, Galicia, ata que saltou a Suíza, Portugal e París. A súa última exposición, no Centro Social de Caixanova, no 2004, confirmou a un artista distinto, capaz de unir tradición e vangarda, dentro dunha relativa figuración, considerablemente fantasiada.
Obtivo mencións no Concurso Internacional de Arte Nova da famosa sala Parés de Barcelona e no organizado pola Generalitat de Cataluña. Actualmente a súa obra está expandida por diversas cidades europeas.
O paisaxismo de Raúl Velloso mostra concomitancias coa ilustración. Semella contemplar a realidade como a través dun espello deformante, que expande os volumes, ondula as liñas e caricaturiza a realidade, dotándoa dun encanto inefable.
Influíulle o post-cubismo, o dadá e, acaso, Fernand Léger. A súa execución é primorosa, aínda que pareza descoidada, con modos de bordado de tapiz, en superfices compartimentadas e contrastantes de cor.
Bibliografía
Raúl Velloso. Catálogo. Vigo. Centro Social Caixanova, 2004