• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

VICTORIA DIEHL

Diehl, Victoria

( A Coruña, 1978 )

Biografía

É licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo na especialidade de Pintura. Posteriormente obtén na mesma universidade o diploma en Estudos Avanzados en Fotografía e o doutoramento en Belas Artes. Comeza a súa carreira artística en 2003, e é incluída nos seus inicios entre os 100 fotógrafos españois na revista Exit. Obtén, entre outras, a bolsa Tentacións Estampa 2005, a bolsa da Academia de España en Roma en 2006, e a bolsa de creación artística no estranxeiro Gas Natural Fenosa en 2011. As súas obras foron expostas nos centros Cervantes, en feiras e festivais como ARCO Madrid, Photoespaña, Arte Lisboa ou Estampa, e en museos como o Museo de Arte Thyssen-Bornemisza, MNAC ou o Wellcome Trust de Londres. Entre os galardóns obtidos cabe destacar o primeiro premio no XX Certame de Pintura do Concello de Cambre (2003), finalista no XIX Premio de Pintura BMW (2004), accésit na Mostra de Artes Visuais Creación INJUVE (2008), primeiro premio no IV Premio Fotografía Aena (2010) ou a adquisición no XII Premio de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo (2011). A súa obra forma parte de importantes coleccións como a de Artium, Injuve, CGAC, MAC, Caja Madrid ou a da Academia de España en Roma, e no ano 2014 realiza a portada do anuario cultural de The New York Times. Tamén resulta fundamental na súa traxectoria o seu labor investigador e docente na Universidade Complutense de Madrid, así como nas universidades de Vigo e Zaragoza.

Aínda que se considera unha artista multidisciplinaria, a súa obra céntrase principalmente no xénero fotográfico. Influída en gran medida polo romanticismo e pola escultura clásica, as súas imaxes evocan lendas e mitos da antigüidade. A representación do corpo é o eixe central do seu traballo, e o nu feminino un dos seus temas predilectos. As súas fotografías reivindican as rexións fronteirizas, as especies intermedias e os seres en proceso de transformación e cambio, e sitúanse na distancia media entre o contemporáneo e o clásico, a realidade e a ficción, o vivo e o morto… a esencia da súa obra atópase en que un nunca chega a resolver o conflito desas dicotomías. Gustaríanos saber máis, atopar algunha fenda que permitise escapar dun espazo que é ao mesmo tempo asfixiante e sedutor. Co seu traballo cuestiona os límites da natureza e invítanos a reflexionar sobre temas de rabiosa actualidade como a beleza, os canons físicos e o paso do tempo. A súa produción está estruturada en tres series: Vida e morte das estatuas, O corpo vulnerable e Nas moradas do castelo interior.

A obra fotográfica que forma parte da Colección Afundación pertence á serie O corpo vulnerable, onde a artista parece evocar a lenda da muller de Lot, de modo que os corpos reais se van transformando en pedra, “en un proceso de pérdida de color y vida que agrieta su piel y cuartea las superficies” —como apunta Rosa Olivares— do que emerxe a beleza dos corpos comidos polo tempo, dos fragmentos e ruína das cousas. Nesta obra representa un torso masculino ampliado ata a altura dos labios no que aparecen fisuras propias dunha pedra que leva moitos anos exposta, mentres que a presenza de rubor nos beizos e de vello poñen de manifesto a vertente humana. Clasicismo e contemporaneidade, vida e morte, beleza e dor, únense nunha obra dual que reflexiona sobre cuestións sobre a mutabilidade ou a noción do corpo exterior/interior.

Bibliografía

Enlace páxina web da artista: https://victoriadiehl.wordpress.com/curriculum/

Obra

  • Sin título

    Sin título

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78