Comentarios
A figura do animal ocupa toda a amplitude da tea, impoñéndose como unha forma espectral nun espacio plano. Trazos esquemáticos definen a súa silueta, que aparece envolta nunha atmosfera de grises verdosos e azuis, con algúns ocres e marróns, nun conxunto que presenta un efecto monocromo, que contribúe a crear no cadro unha sensación de despoxamento e vaga tristura. Fai alarde Grandío desa intimidade coa súa terra e os seres que a habitan, que lle é propia, respectando os costumes e as cousas coas que é identificada e plasmándoas coa súa visión de pintor poeta, capaz de lles dar un sabor intemporal ás cousas.