Comentarios
Capta o artista distintos panoramas da cidade, substraéndose da anécdota, valorando a arquitectura, que reproduce con persoal deseño de liñas e sombras que lle imprimen un acento romántico á paisaxe urbana.
Resulta difícil non se conmover perante algúns destes decorados que os apuros ou o hábito impediron definirmos, coma a praza na que nace na Rúa de Santiago, coa simbólica oliveira recortada sobre o mar, coas Cíes ó fondo, no paseo de Alfonso; o edificio do antigo Hotel Moderno, obra de Páczevich, na pascaliana Porta do Sol; os edificios do cruce de Colón con Policarpo Sanz e García Barbón, o Banco Pastor, así como o coñecido popularmente como casa Rubira, hoxe xa desaparecida. O silencio obríganos a recoñece-la harmonía das prazas, monumentos e casas, testemuños do pasado, recunchos que amorean lembranzas e que son algo así como a nosa reserva de enxebrismo. A igrexa de Santa María, a concatedral, da que as torres se erguen por riba dos tellados, asomado na praza da Constitución, na de Almeida, e na rúa de San Vicente; o templo de San Francisco, nun ángulo da cidade, perfilado encol dun cerro; o porto pesqueiro, na Ribeira, co Castelo do Castro ó fondo; a rúa de Poboadores, a rúa Real, os soportais do Berbés; o porto deportivo, no centro da cidade, cos xardíns de "As Avenidas" e os edificios da rúa de Montero Ríos ó fondo.
Vintecatro gravados compoñen a serie "Xente do mar", de formato apaisado, tamaño 20 x 29 cm, todos firmados "XC" e datados no ano 73.
Con debuxo intuitivo, sen fórmulas determinadas, fai aflora-lo vivir cotián da xente do mar, sen desgarramentos sen estridencias, cunha intensidade que se ve potenciada polo contraste da tinta negra encol do branco do papel.
As escenas envólvenos, de vagar, transladándonos ós arredores mariñeiros, con imaxes articuladas en grupos, parellas e figuras illadas, conxugando sensibilidade e forza expresiva con sorprendente seguridade de trazo.
Unha serie de elementos identificadores definen os temas: o transporte e arreglo das redes, as distintas artes da pesca e o seu variado aparello, as xuntanzas dos homes na taberna, a espera, o reparto do pescado, a procesión do Cristo e a íntima soedade dalgúns personaxes.
Ó velos todos xuntos próducese un ir e vir de figuras que se moven con liberdade nun ambiente familiar, con equilibrado ritmo de actitudes e matices psicolóxicos.