Afiador
Comentarios
O interese do artista polo oficio de afiador levouno non só a retratar en numerosas ocasións ó vello artesán senón a ter unha importante colección de rodas de afiar.Froito do seu coñecemneto do labor artesanal, o autor reflicte o traballo con sinxeleza. O afiador, con boina na cabeza, represéntase ensumido no seu traballo manual, afiando unha fouce. O seu pé esquerdo acciona o pedal mentres o pé dereito asenta con seguridade no chan.
A figura non é refinada nin delicada, a superficie áspera e rugosa, transmitindo unha gran sensación de verismo. Observamos a un home sinxelo vestido con roupa de traballo, non hai nada superfluo nin nada posto ó azar, é unha visión sincera e directa dun oficio tradicional a piques de desaparecer.
O contraste entre o bronce e a madeira, empregada como base, é unha constante na obra deste autor en contacto directo coa natureza, da que extrae materiais de formas sempre diferentes que conseguen que cada unha das súas creacións sexan pezas únicas.