JORGE BARBI
Barbi Alonso, Jorge
( A Guarda, Pontevedra, 1950 )
Biografía
Intuitivo, sorprendente creador de obxectos insólitos, se cadra vencellables ó mundo surrealista máis desafiador, atópase entre Picabia e Man Ray. Deuse a coñecer na novena exposición da serie que Caixavigo celebrou en 1980 co gallo do seu centenario. Era, daquela, un pintor surrealista, cunha evidente influencia de Ernst e Dalí, inmerso nun mundo onírico e inquedante. Expuxo en Lorient, Francia, nas bienais de Pontevedra e en diversas colectivas en Galicia, Madrid e Suiza. As súas mostras invididuais, bastante espaciadas, empezan en 1985, na súa vila natal e mais en Baiona. Importante foi a que se celebrou na Casa da Parra de Compostela en 1989, na que xa se atopa o escultor, ou, mellor, o ideador de obxectos sorprendentes, de cheo neovangardistas. Pezas da súa creación amosánse no pavillón galego da Expo de Sevilla en 1992. Seleccionárono nas mostras de Unión Fenosa, nas que habitualmente se inclinan por novas tendencias. Está representado en coleccións institucionais de Galicia e mais en importantes repertorios de galerías e particulares. A escultura de Barbi é unha decantación do pensamento surrealista. Crea obxectos capaces de sorprender e ata de agredir idealmente ó espectador, dende a distorsión da xeometría poliédrica. Encerra o insólito nun ámbito elemental, coma se se tratase de trampas incruentas; de ratoeiras imposibles. As súas ideacións levan o común ó inesperado, distorsionando as referencias. Ó fin imponse a denuncia implícita nun eido de soidade, vagamente panfletario. Como acontece con Leiro, aínda que lonxe da irrenunciable antropoloxía do cambadés, en Barbi hai unha imaxinación desbordada e unha capacidade de expresar, con formas elementais, ben rotundas, ben delicadas, o interior das cousas, a súa esencia, o soño da súa elementalización. A súa agresividade queda arroupada por un lirismo implícito, no que, ás veces, hai alusións totémicas.
Bibliografía
III Mostra Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1993.
BENNETT, M.: Reflexións, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989.
EL FINAl aquí, CGAC, Santiago de Compostela, 2008.
JORGE Barbi, Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Santiago de Compostela, 2000.
Enlace páxina web do artista: http://jorgebarbi.com/