ABELARDO BUSTAMANTE
Bustamante Alvarado, Abelardo
( Quijas, Cantabria, 15 de enero de 1894 - Vigo, 26 de noviembre de 1982 )
Biografía
Escasas noticias hai publicadas sobre este artista de fina sensibilidade, dedicado habitualmente á paisaxe e en certo modo identificable con Abelenda e con Pintos Fonseca. Residiu en Vigo máis da metade da súa dilatada vida, xa que Ángel Ilarri, que o tratou persoalmente, afirma, nun traballo de 1978, que levaba na cidade "máis de corenta anos". Realizou escasas exposicións e a penas participou en certames. Alto, delgado, tiña un aspecto de antigo explorador británico, co seu sempiterno traxe de pana, as súas botas rematadas en "leguis" e aquela cabeza nobre, de rostro alongado, con mirada perdida tralos grosos cristais das súas gafas, con cabelo branco, lacio e mesto. Aparecía a cotío no Café Goya, onde mantivo a tertulia e o diálogo, sempre amable, discreto e cordialísimo. Bustamante era un apaixonado da auga. Nos seus cadros adoita haber sempre un río,un recuncho da baía viguesa, entre árbores e vexetación. Pódese adscribir ó impresionismo, aínda que con clara influencia literaria e estrictamente poética. Figura no Museo de Castrelos e máis en coleccións de importancia, posto que a tódolos efectos é un pintor galego da xeración de Colmeiro e dos citados Abelenda e Pintos Fonseca.
Bibliografía
GRAN Enciclopedia Gallega, vol. 4, p. 92, Editorial Silverio Cañada, 1974.
ILARRI GIMENO, A.: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León», Concello de Vigo, Vigo, 1978.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.