JENARO CARRERO
Carrero Fernández, Jenaro
( Noia, A Coruña, 27 de marzo de 1874 - Santiago de Compostela, 30 de julio de 1902 )
Biografía
A primeira formación de Jenaro Fernández Carrero recíbea na súa Noia natal; achégalla Ramón Lira, un bo debuxante local. Ao trasladarse a súa familia a Compostela, en 1889, ingresa na Sociedade Económica de Amigos do País e foi discípulo de José María Fenollera; con tales estudos, e os recoñecementos logrados, séntese xa pintor; a súa pincelada é solta e propón un tipo de luz, evocadora do propio Rembrandt, próxima á de tantos retratos de Fenollera.
Presentando a súa obra ás Exposicións Nacionais de Belas Artes, en Madrid busca, por 1895, o recoñecemento, aínda sabendo o difícil que isto era por ser un pintor “de provincias”. Logo de presentarse á convocatoria de 1897 a Deputación da Coruña concédelle unha pensión que lle permite trasladarse a Madrid.
Xa na capital será discípulo de Sorolla e de Manuel Domínguez en cuxo estudio afondará na parte técnica da pintura. De igual xeito, relaciónase agora a súa creación con Sotomayor. Pero será a protección do todopoderoso Montero Ríos o que lle vai abrir portas; entre outras, as do Museo do Prado do que é nomeado restaurador en 1898, o que lle permitirá dedicarse, con máis entrega, á pintura.
En 1899 consegue a segunda medalla na Exposición Nacional de Belas Artes. O tema co que o consegue titúlase Vítima do traballo que, co seu naturalismo e coa súa preocupación polo social, segue o camiño aberto en 1895 polo Aínda din que o peixe é caro!, do seu mestre Sorolla. Esta premiada obra de Carrero testemuña a súa valía: pode traballar en grandes formatos; é quen de levar a cabo de maneira convincente un determinado relato, e, ademais, faino desde un expresivo naturalismo. É entón cando realiza retratos de moitos galegos destacados en Madrid como o de Montero Ríos, o da condesa de Pardo Bazán e Linares Rivas, entre outros.
Adóitase deslindar unha terceira etapa na súa produción, que se desenvolve a partir de 1900. É cando a súa pintura resulta máis próxima aos postulados do impresionismo, de xeito que asume máis profundamente as ensinanzas de Sorolla. Estamos ante una pintura cada vez máis solta e construída con pequenas pinceladas enriquecendo a súa contribución cromática. Xa non se busca o máis representativo; óptase, en cambio, por perspectivas que parezan aproximarnos ao representado dunha forma un tanto casual.
En 1902 séntese enfermo e volve a Santiago de Compostela, onde falece cando aínda era moi novo, como outros, tamén pintores e galegos, que, por eses mesmos anos, configuraron o que se denominou “Xeración doente”.
A colección de Afundación conta con dous cadros deste artista dos seus primeiros anos: Vista de Bonaval desde Caramoniña (1894), con evidentes preocupacións lumínicas, e Carros no porto de Noia (1895) no cal se ocupa de xerar unha sensación atmosférica e unha captación da humidade digna de encomio.
José Manuel García Iglesias
Bibliografía
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
Couselo Bouzas, José:La pintura gallega. A Coruña, Porto Edit., 1950.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes celebradas en España. Madrid, 1980.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
Filgueira Valverde, José: Introducción a la pintura gallega. En «Un siglo de pintura gallega 1880/1980», Buenos Aires, 1984.
Filgueira Valverde, José: El Museo de Pontevedra. León, Edit. Everest, 1987.