MARUJA MALLO
Gómez González, Ana María
( Viveiro, Lugo, 5 de enero de 1902 - Madrid, 6 de febrero de 1995 )
Biografía
Toda a historia dos "ismos" cabe na vida e na pintura desta galega inxenua e xenial, inclasificable, que foi amiga e a quen admiraron Ortega y Gasset, Ramón Gómez de la Serna, Picasso e André Bretón. Reside en Madrid dende moi nova. Alí realiza estudios na Escola de San Fernando. Dous anos despois publica ilustracións na famosa Revista de Occidente, dirixida polo filósofo Ortega y Gasset, como consecuencia dunha exposición da súa incipiente obra feita nos salóns da publicación, que gaban Manuel Abril e Antonio Espina. Vencéllase a outra importantísima revista, "Cruz y Raya", que dirixe José Bergamín. Fala dela Ramón Gómez de la Serna, que fará a súa biografía. Na Residencia de Estudiantes fai amizade con García Lorca e Buñuel. Coñece a Pablo Neruda, Miguel Hernández e César Vallejo. Achégase a Dalí, a Alberto Sánchez e a Benjamín Palencia. A súa relación con Rafael Alberti é intensa e continuada. En 1932 viaxa a París cunha bolsa de estudios do Ministerio de Instrucción Pública. De volta a Madrid, en 1934, exerce como catedrática na Escola de Cerámica, nun Instituto de Segunda Ensinanza e na Residencia de Estudiantes, na que Lorca vai influír nela. En 1935 participa na Exposición de Arte Contemporánea Española, en París, e o museo Jeu de Paume adquire unha obra da galega. Pouco antes da Guerra Civil celebra en Madrid unha mostra no salón de "Amigos de las Artes Nuevas", que inaugurou pouco antes Picasso. Durante a contenda civil Maruja Mallo percorre América enteira, ata fixa-la súa residencia en Bos Aires, en 1937. Alí afonda na súa amizade con Gómez de la Serna e con exiliados ilustres, coma o músico Manuel de Falla e o xurista Luis Jiménez de Asúa. Pronuncia conferencias na capital arxentina e en Montevideo. Vai a Chile. Publícase a primeira monografía sobre a súa pintura, escrita polo gran Ramón e editada polo galego Gonzalo Losada. Realiza exposicións en Chile, Río de Xaneiro, Nova York. Coñece a obra surrealista de André Bretón e entusiásmase con ela, influída decisivamente na súa xa peculiar estética, moi predisposta a esa tendencia. Retorna a París en 1950 e expón, con prefacio de Dean Cassou, hispanista republicano e director do Museo de Arte Moderna da capital francesa, aínda capital mundial da arte. Anque non está fisicamente en España, a súa obra si se expón eloxiándoa por historiadores tan importantes coma Lafuente Ferrari para glosa-las vangardas do momento. O Museo de Arte Contemporánea de Madrid adquire unha das súas obras. Regresa ocasionalmente a España en 1962 e definitivamente tres anos máis tarde. Desde aquela é unha figura case mitificada, con quen todos queren dialogar, para que evoque a súa amizade con grandes personaxes. Maruja Mallo está representada en museos de todo o mundo, en España, en Europa, en América, de Norte a Sur. A súa pintura participa ás veces do folclorismo racista dos grandes muralistas mexicanos, probablemente influída por Diego María Rivera, co que mantivo unha grande amizade, outras veces é moi francesa ó modo de Picabia ou de Léger. Hai ocasións nas que a sipnose conceptual do debuxo a emparenta coa plástica de García Lorca. No seu surrealismo está Ernst e en certo modo Dalí, en paisaxes espectrais, sen referencias humanas ou con humanización de rochas e obxectos indeterminables, de puro onirismo. En efecto, ten moitas concomitancias pero, ó cabo, é sempre ela, directa, simple ou complexa, racial ou sutilísima, porque é difícil atopar unha etapa longa e uniforme na obra desta galega universal.
Bibliografía
-Gómez de la Serna, Ramón: Maruja Mallo. Buenos Aires, Edit. Losada,1942. -Gándara, Consuelo de la: Maruja Mallo. Madrid, Ministerio de Educación y Ciencia, 1978. -VV. AA.: Mujeres en el arte español. Madrid, Centro Conde Duque, 1984. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -II Bienal de Artistas Galegas. Vigo, Concello, 1990. -VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. BUenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984. -Mallo, Maruja: Lo popular en la plástica a través de mi obra. Buenos Aires Edit. Losada. -Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970. -Campoy. A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973. -V. V. A. A.: Maruja MalloSantiago de Compostela, 1993.