BENEDITA KENDALL
Kendall, Benedita
( Porto, Portugal, 1971 )
Biografía
Formada en Deseño na Facultade de Deseño de Oporto e en Belas Artes na Facultade de Belas Artes da mesma cidade, así como na Academia Sommer de Salzburgo, Benedita Kendall perfeccionaría os seus estudos plásticos en Reino Unido grazas a diversas bolsas. Esta autora compaxina a súa faceta creativa coa docencia.
Desde o comezo da súa traxectoria participou en exposicións tanto a nivel individual coma colectivo, en lugares como Lisboa, Oporto, Vilanova de Cerveira, Oporto ou Santiago de Compostela. Así mesmo, a súa traxectoria foi galardoada con numerosos premios.
A obra A espera, realizada en 2004, obtivo o primeiro premio da VI Bienal de Pintura Eixo Atlántico e actualmente consérvase na colección de Afundación. A autora xunta dúas teas de iguais dimensións cun fondo gris sobre os que dispón múltiples trazos xestuais de cor negra. Estendidas sobre toda a superficie xorden múltiples siluetas humanas realizadas en branco en diferentes posicións. Centrada na composición, destaca unha retícula de pequenos cubos vermellos disposta na parte esquerda do eixe central.
Unha das principais características da linguaxe plástica de Kendall é a superposición de capas de imaxes, sempre descontextualizadas, que endexamais rematan de integrarse entre si, como se observa na obra analizada. Como indica a propia artista, extrae eses recursos figurativos da publicidade, da ilustración, da fotografía e do cómic. A través destas complexas escenas, pretende buscar a reflexión do espectador sobre a actualidade e a historia, sobre a condición humana e os roles de xénero, así como a influencia dos medios ou a publicidade no pensamento contemporáneo. “Intento recrear narrativas contemporáneas compactadas en el imaginario colectivo de la sociedad globalizada”, escribe Kendall.
Esta autora considera que o exceso de información, de confort e a persecución de falsos ideais de felicidade repercuten na falta de entrega da sociedade, onde o individualismo se apoderou das persoas que, segundo Kendall, viven nun esgotamento mental e nunha indiferenza que as converte en seres arrogantes e insatisfeitos, despóticos e ignorantes sobre os que ten ao lado. De aí, que as súas obras mostren un exceso de recursos e motivos, estean ateigadas de exceso e narrativa, cruzando e sobrepoñendo historias.
Así, pódese concluír que as creacións de Kendall acumulan varias situacións nun mesmo espazo, moitas veces desenvolvéndose en distintos tempos propiciando visións oníricas baseadas en procesos gráficos, onde cada elemento é autónomo e onde o debuxo se impón á pintura, converténdoa en accesoria.
Bibliografía
VI Bienal de Pintura. Eixo Atlántico, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2004.