VILLAAMIL
Pérez Villaamil Duguet, Jenaro
( Ferrol, 3 de febrero de 1807 - Madrid, 5 de junio de 1854 )
Biografía
Con esta luminaria romántica, absolutamente insólita no ambiente no que se produce,comeza a pintura en Galicia, sen máis antecedente có do ourensán Antonio Puga, dúas centurias antes. Todo en Villaamil é precoz, urxente, formidable.Ós cinco anos de idade ingresa como cadete alumno do Colexio Militar de Santiado no que seu pai era profesor de Fortificación, Topografía e Debuxo. Cando ten doce anos, a súa familia trasládase a Madrid e o rapaz interrompe os seus estudios iniciais, aínda que ós oito desempeñara o cargo de axudante profesor de Debuxo. No colexio de San Isidro O Real segue ensinanzas de carácter literario.Tralo triunfo liberal daquela accidentada España fernandina, en 1823, coa invasión dos "Cen Mil Fillos de San Luis", o galego opta polo partido liberal e incorpórase ó exército, co grao de subteniente, no ánimo de rexeita-lo nutrido invasor. Conta só dezaseis anos, pero participa en tódalas accións militares e consta oficialmente que se distingue polo seu valor e animosidade. A súa carreira militar trúncase co desastre de San Lúcar A Maior, próxima a Sevilla, onde nunha escaramuza é ferido de gravidade e feito prisioneiro. Convalece no Hospital de la Sangre de Sevilla e, xa restablecido, lévano a Cádiz como prisioneiro de guerra. Arias Anglés, o seu biógrafo máis completo, di que, ata 1830, os anos da vida de Villaamil son escuros. E son moi importantes, xa que neles se produce a transformación do estudiante, profesor precoz e militar heroico en pintor. O certo é que nese tempo de obrigada inactividade debuxa e pinta , baixo a dirección do profesor José García. Como é natural ó seu carácter, os seus progresos son tan rápidos que nese ano, 1830, elíxino para realiza-los decorados do gran teatro da cidade de Porto Rico, illa aínda española. Alí permanece ata 1833, posto que se sabe que o 27 de abril do devandito ano o bergantín no que regresa de América toca en Portugal. Andalucía, onde estivo obrigatoriamente, atráelle e percórrea en boa parte xa que se coñece que entre o verán e o outono estivo en Granada e Sevilla, cidade na que coincide co gran debuxante romántico inglés David Roberts, o traballo do cal debeu de exercer verdadeira fascinación sobre o galego, que primeiro o imita, logo o iguala,e ó fin case o supera. Desta época data tamén a súa amizade co pintor Esquivel, frío, académico, e nada semellante a Villaamil. Ó ano seguinte establécese en Madrid. Inmediatamente traba relación coa familia real e preséntano á raíña, quen se interesa pola obra do galego. Solicita ser admitido como membro de mérito no ramo de Paisaxe na Real Academia de San Fernando. Ingresa en 1835 e en setembro concorre á exposición desta importante corporación con grande eloxio da crítica. O dinámico Villaamil quere estar presente en todo e meses máis tarde intervén na fundación do Ateneo madrileño, institución de tan dilatada e xusta fama na vida cultural e política de España. Coñece a Ramón de Mesonero Romanos e comeza a ilustra-lo "Panorama matritense" deste castizo escritor. Villaamil non se conforma e tamén intervén na creación do Liceo Artístico e Literario Español de Madrid, a casa colectiva romántica por excelencia no ambiente intelectual da capital da nación. O galego é xa un pintor recoñecido, xa que en 1837 o barón Taylor lle compra cinco cadros que han decora-los palacios do monarca Luis-Felipe de Francia. Xa se considera o mellor paisaxista do momento e só hai catro anos desde que iniciou a exhibición da súa obra. José Zorrilla, o xove poeta do momento, dedícalle unha composición titulada "La noche de invierno" e o pintor contéstalle debuxando a portada da primeira edición dos versos do valisoletano. A Raíña visita o Liceo Artístico. Obséquiana cun cadro de Villaamil e a augusta dama adquire outro. O artista é nomeado en 1838 cabaleiro da Orde de Isabel A católica e recibe outra condecoración, esta militar, como lembranza do seu comportamento na campaña de 1823. Xeneroso, como bo romántico, Villaamil inclínase a prol de Esquivel, cando o retratista áulico perde temporalmente a visión. En 1840 viaxa por España, captando ambientes para os seus cadros e pasa temporadas en Toledo e Burgos. Despois trasládase a París, desde onde inicia unha viaxe por Europa que se prolonga catro anos, entre 1840 e 1844, coa desculpa de publicar, por especialistas litográficos da capital de Francia, o seu famoso álbum, hoxe xoia plástica e bibliográfica inatopable, titulado «España Artística y Monumental», cunhas pezas soltas das que se fixeron múltiples reproduccións, habitualmente tomadas como orixinais. Concorre ós salóns de París e en 1842 obtén unha das medallas outorgadas. Visita o norte de Francia, Bélxica e Holanda, onde expón en 1843, e unha das súas obras adquírea o rei Guillermo I. As casas reais son a súa visita frecuente, xa que tamén coñece as de Bélxica, Grecia e Francia. Esta concédelle a Lexión de Honor, distinción que cadra co nomeamento de cabaleiro da Orde de Carlos III en España, por decisión da raíña Isabel II, ó seu regreso a España en 1844. Viaxa novamente a Francia. Máis distincións: é nomeado cabaleiro da Orde de Leopoldo de Bélxica. E en España, nada menos que teniente director da Real Academia de San Fernando, en febreiro de 1845, e ademais catedrático de paisaxe. Realiza novas viaxes por España, para pintar e debuxar incansablemente. Coñece ó compositor ruso Glinka. En 1846 trata en Barcelona ó cónsul Fernand de Lesseps, enxeñeiro, autor de proxecto do canal de Suez. En 1846, no Salón de París, entre miles de artistas , o máximo crítico de arte da historia, o poeta Charles Baudelaire glosa a súa obra. As louvanzas continúan en España. En 1848 a raíña adquire seis cadros do galego para decora-los seus apousentos particulares no Palacio de Oriente. Os taxadores oficiais, nada menos que José de Madrozo e Vicente López, o extraordinario discípulo de Goya, califícano coma o mellor do artista ferrolán. Ó crearse a Escola Preparatoria para as carreiras de enxeñeiros civís e arquitectos, Villaamil é nomeado profesor de paisaxe. Volve á súa terra natal en 1849 e percorre as provincias da Coruña e Pontevedra. As súas andanzas por España proseguen ata 1852 e en calquera acontecemento importante está presente Villaamil. Fai unha vida tan intensa que a súa saúde se resinte. Enferma gravemente, dunha doenza hepática, e morre en Madrid o 5 de xuño de 1854, cando contaba só 47 anos. A súa obra está en tódolos museos do mundo. Pintor extraordinariamente prolífico, os seus óleos, acuarelas, litografías e debuxos cóntanse por milleiros, aínda que, como dicimos, moitas desas litografías non son orixinais, senón hábiles reproduccións. Villaamil é un debuxante prodixioso, capaz de captar idealizándoos, tódolos ambientes, en amplos espacios que espectraliza en xogos de luces e sombras. Lugares abruptos, montañas, desfiladeiros e portos. Interiores de templos, escenas da via cotiá; aspectos urbanos co monumental como fondo, sempre vivos, coma se respirasen de verdade. O seu cromatismo é fastuoso, case sempre en gammas quentes e moi ben orquestradas. Debuxaba directamente co pincel, en trazos de consumado calígrafo como despreocupado, cando emprega a augada. É deliberadamente escenográfico porque é un romántico consumado. Nos seus interiores ou paisaxes urbanas hai, ás veces, decenas de figuras, coma se o documental lle preocupase. Cando o desexa, a precisión do seu debuxo posúe unha minuciosidade entomolóxica.
Bibliografía
ARIAS ANGLÉS, J. E.: J. Pérez Villaamil, Edit. Atlántico, A Coruña, 1980.
BAUDELAIRE, Ch.: Escrits sur l'Art, Edit. La Pleyade, París, 1971.
BARÓN, J.: Genaro Pérez Villaamil. Díptico con vistas de ciudades españolas, Museo del Prado, Madrid, 2014.
ARIAS ANGLÉS, A. E.: J. Pérez Villamil, Atlántico S. A., A Coruña, 1980.
BERUETE, A.: Historia de la pintura española del siglo XIX, Madrid, 1926.
CONSUELO BOUZAS, J.: La pintura gallega, Porto, A Coruña, 1950.
ESPAÑA artística y monumental. Vistas y descripción de los sitios y monumentos más notables de España, Hanser, París, 1842.
GAYA NUÑO, J. A.: Arte del siglo XIX. Ars Hispaniae, Edit. Plus Ultra, Madrid, 1966.
LAFUENTE FERRARI, E.: Breve historiade la pintura española, Edit., Tecnos, Madrid, 1953.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Vigo, Caixavigo, 1981.
JENARO Pérez Villaamil, 1807 - 1854. Óleos, acuarelas, dibujos y litografías, Fundación Caixa Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
JENARO Pérez Villaamil. Exposición antolóxica. Óleos e debuxos, Concello de Ferrol - Fundación Caixa Galicia, Ferrol, 2007.
RAFOLS, J. F.: El arte romántico en España, Edit. Juventud. Barcelona, 1954.
SEOANE, L.: Jenaro Pérez Villaamil, Edic. Galicia, Buenos Aires, 1954.
Obra
-
Puerta de la sala capitular de la catedral Toledo 1842
-
Portada de Catedral Gótica 1840
-
Paisaje con río 1830
-
Monasterio de Las Huelgas de Burgos 1840