XOÁN PIÑEIRO
Piñeiro Nogueira, Xoán
( Hío, Pontevedra, 1920 - Porriño, Pontevedra, 1980 )
Biografía
A atracción de Piñeiro pola escultura xorde moi pronto nun ambiente familiar afastado do artístico (chega a traballar de pastor). En 1944 ingresa na Escola de Artes e Oficios de Vigo cun grande esforzo económico, onde se forma co escultor Camilo Nogueira. En 1947 estuda talla e imaxinería en Santander e, un ano máis tarde, trasládase a Madrid onde simultanea a súa formación na Escola de Belas Artes de San Fernando coa de Artes e Oficios na que ten por mestre o escultor José Capuz. En 1950 monta o seu primeiro estudio na capital e logra o primeiro galardón na Exposición Nacional da Escola de Belas Artes de Madrid. En 1952 recibe unha bolsa da Deputación Provincial de Pontevedra e viaxa por España para estudar a tradición escultórica barroca. Un ano despois obtén unha bolsa de viaxe de ampliación de estudos que lle permite visitar Francia e Italia, onde estuda a arte clásica e renacentista. En 1962 decide regresar a Galicia e instalarse en Vigo, e ao ano seguinte realiza a primeira mostra individual na caixa de aforros viguesa; participa fundamentalmente en concursos, certames, exposicións nacionais e bienais nas principais cidades galegas, así como en Madrid, Barcelona, Valladolid, León ou Santander, así como en Portugal. En 1965 monta o seu obradoiro definitivo en Goián, aínda que seguirá dispoñendo do seu obradoiro en Madrid, que visita de maneira esporádica. No ano 1980 falece nun accidente de circulación. En 1998 créase a Fundación Xoán Piñeiro. A súa obra escultórica, con gran presenza de monumentos relixiosos e civís, está representada en destacados museos de dentro e fóra de Galicia.
De carácter humanista e apaixonado da natureza, a súa escultura, na que convive o abstracto co figurativo e monumental, baséase na exploración de formas espaciais e corpóreas, así como nun afán expresivo e coñecedor dos materiais. Destaca a súa versatilidade no emprego de técnicas e materiais, se ben a pedra e especialmente o bronce son as súas materias predilectas. Nos seus comezos as temáticas están centradas na Galicia mariñeira, cun toque reivindicativo, aínda que tamén aparecen outros temas recorrentes como a temática relixiosa, as maternidades ou o retrato, o seu xénero máis produtivo e no que destaca especialmente desde moi novo. Cultiva un realismo de acento esquemático con reminiscencias do expresionismo primitivista galaico e unha clara influencia de Clará e Rodin. Cando retorna a Galicia, aparece o dinamismo e a simplificación intensifícase. Cara a mediados dos sesenta, emprega novidosos recursos sintetizadores que lembran a Henry Moore, e desde inicios dos setenta, cohabita esa presenza humana suxerida con formas totalmente abstractas que evocan órganos sexuais ou elementos da natureza. O bronce convértese no material idóneo para estas experiencias.
Na Colección Afundación figuran tres obras escultóricas en bronce do autor. En Encarna e en Maternidad (1965) aparece a figura feminina sosegada, cuxa presenza é recorrente no imaxinario do autor, e as dúas obras comparten: a aparencia de volume pechado, a sobriedade nos trazos, a uniformidade das superficies en bronce e as dobras e engurras dos panos baixo a acción da luz. Na obra máis tardía Sin Título (1979), aproxímase á abstracción e establece un xogo coa concavidade e convexidade, as luces e as sombras, a diversidade cromática e o contraste de texturas nunha forma abstracta helicoidal que evidencia a ductilidade do bronce. Ese material que lle permite, como el mesmo di: «meterme dentro do mar, da terra ou dos soños, e liberarme».
Bibliografía
-Alonso Eliseo: Xoan Piñeiro. La Guardia, 1981 -Pablos, Francisco: Xoan Piñeiro. Pontevedra, Diputación provincial, 1982. -Pablos, Francisco: Plástica Gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación provincial, 1989. -Recordo de Xoan Piñeiro. (Colectivo). Vigo. Deleg. Local de Cultura,1982. -Xoan Piñeiro Nogueira. A Coruña, Concello (s.a.) -Chamoso Lamas. Manuel: «Arte» en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer,1976. -Sobrino Manzanares, Maria Luisa: Historia de Galicia. Vol. II. Barcelona, Edit. Planeta. 1980. -Plaza Molina, Gabriel: «Arte» en Galicia. A Coruña, Edic. do Castro, 1981.