RIVAS BRIONES
Rivas Briones, Antonio
( Madrid, 1918 - Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 22 de mayo de 2004 )
Biografía
Fillo dun canteiro, nace en Madrid, aínda que a súa identidade estará asociada a Vilagarcía de Arousa, onde reside desde os dous anos; el mesmo afirmará: “Síntome vilagarcián”, e será nomeado fillo adoptivo. A situación económica familiar obrígao a abandonar o colexio con quince anos para formarse como carpinteiro. Fai o servizo militar e participa na guerra civil. Ao seu regreso, faise tallista de madeira, profesión pola que chegará a ser recoñecido —será o seu principal soporte económico—, e que compaxinará ata a xubilación coa súa faceta artística. Empeza a debuxar desde neno e, na adolescencia, baséase en debuxos de Castelao e outros artistas que admira e descobre o mundo da xilografía. Iníciase na pintura a comezos dos anos corenta e asiste á academia do pintor Balbino Costa. Recibe en 1947 e 1948 a bolsa da Deputación de Pontevedra para ampliar estudos artísticos, que o leva a alternar Vilagarcía con Madrid, onde frecuenta museos e exposicións. Será un prolífico artista, aínda que con escasa presenza en exposicións, e de traxectoria un tanto irregular. Nos anos sesenta, a súa obra, en particular as xilografías, empezan a adquirir notoriedade entre o coleccionismo galego, éxito que chega ata Estados Unidos; catro xilografías aparecen na publicación Artist´s proof do ano 1966. Anos máis tarde, intégrase no grupo Estampa Popular Galega. Foi galardoado con relevantes premios, destacando as medallas en Gravado e Pintura nas bienais de Arte de Pontevedra: medalla de bronce (1969 e 1973), medalla de prata (1970 e 1974), e medalla de ouro en 1979. Así mesmo, a súa obra forma parte de coleccións de museos e institucións principalmente galegas.
Artista humanista, a súa obra xira sobre a figura humana para expresar a súa visión de Galicia. Cultivou a pintura e mais a xilografía —disciplinas nas que está considerado un auténtico mestre—, así como a escultura, o debuxo e o mural. A súa linguaxe, de acento expresionista e raíz cubista, baséase no equilibrio entre un excelente debuxo e unha paleta de colorido intenso e contrastado, que lles achegan unha grande expresividade ás súas temáticas costumistas ou as súas fantasías de máxico fondo nas que a muller se erixe como protagonista indiscutible, como fetiche e metáfora de Galicia. Os seus personaxes, de corte popular, con formas rotundas e escultóricas, sitúanse próximos á estética granítica, e nas súas imaxes, que presentan unha composición heteroxénea e complexa, conviven o humor e a ironía co drama.
Na Colección Afundación figuran cinco óleos e unha tinta sobre papel do autor galego de adopción. Na pintura máis temperá, Maternidad (1966), aparece esta temática recorrente no seu corpus artístico, que desvincula das imaxes máis tradicionais do xénero, pois representa uns personaxes con xesto melancólico e fatigado, de corpos monumentais e extremidades ciclópeas carentes de calquera beleza física. Dos anos setenta en diante, tende a construír as súas figuras a base de pequenos planos de cores contrastadas, como en As Mantidas (1970) —tema habitual do artista—, El baño (1970) e Tres do Quintal (1975) —obras nas que aparecen as súas características mulleres en escenas que xorden do cotián—, así como en Parexa de vellos (1980), cuxos deformados rostros amosan angustia. Na tinta Personaje (1981), sérvese do branco e negro para acentuar a amargura e o desacougo dun home fraco que aparece descomposto en planos de tal maneira que lembra modos cubistas.
Bibliografía
20 años de Arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación, 1989.
Pablos, Francisco: Plástica Gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
Sobrino Manzanares, Mª Luisa: Catálogo del Patrimonio Artístico de la Diputación de A Coruña. A Coruña, Diputación, 1991.