ALFREDO SOUTO CUERO
Souto y Cuero, Alfredo
( A Coruña, 1862 - 1940 )
Biografía
A súa pertenza a unha familia que se encadra na alta burguesía coruñesa outorgoulle, desde un principio, a consecución dunha magnífica formación na que se complementaron, por unha banda, os estudos de Dereito, e pola outra, a práctica da Arte. O seu ingreso na carreira xudicial, cando era moi novo, levouno de destino en destino, por España adiante, o que o puxo ante realidades tan distintas como a andaluza, a madrileña, a aragonesa, a asturiana…; en todos estes lugares pintou e procurou asimilar o que, en cada sitio, lle pareceu máis importante.
Por outra parte, a súa formación como pintor iníciase, xa na Coruña, como alumno de Román Navarro, de quen aprendeu os fundamentos dun oficio, en clave realista. Xa en Madrid a súa asistencia á Escola de Belas Artes de San Fernando abriralle horizontes e tamén será moi importante, chegado o caso, a súa relación coa Sociedade de Acuarelistas. Traballa este pintor con moi variados medios; desde o lapis sobre papel, ao óleo sobre lenzo. Tamén a acuarela e a tinta son recursos no seu quefacer de xeito que comparte o tempo da pintura entre o aire libre e o estudo.
A parte da súa vida transcorrida en Galicia vincúlao fundamentalmente a Pontevedra, aínda que tamén son notables os seus nexos coa Coruña e con Lugo. En Pontevedra formou parte de cultos e influentes parladoiros e vinculouse ao grupo dirixido por Castro Sampedro, denominado Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, da que vai ser o seu primeiro debuxante oficial.
A súa implicación no mundo da pintura testemúñao, por exemplo, a súa constante presenza nas Exposicións Nacionais nas que presentará obra, todos os anos, desde 1887 ata 1915. Ademais foi, en todos estes anos, moi común a súa presenza en todo tipo de certames artísticos. Relacionouse a Alfredo Souto, na súa vertente de paisaxista, con puntos de partida tan sólidos como son o coñecemento da Escola de Barbizón e do xeito de facer de Carlos Haes, a referencia por excelencia na pintura madrileña, ao respecto. Pódese dicir que, desde o realismo pleno, a súa pintura asume, de forma progresiva, un naturalismo que irá gañando matices co tempo. Así fanse valer, cada vez máis, os efectos lumínicos e interprétase ao seu xeito o impresionismo francés.
Tamén foi pintor de escenas de xénero, de vasos, bodegóns, retratos…; é constante tamén a súa participación como ilustrador en moi variados xornais: Heraldo de Madrid e Branco e Negro, entre outros. É, ademais, un pintor rexionalista, no sentido de que manifesta un evidente interese polo popular e inmediato, tanto no que ten que ver coa paisaxe coma coa presenza das persoas que leva a súa pintura.
Nesta colección unha vista de Estribela, de 1900, e o cadro coñecido como O cruceiro de La Parda, de 1903, instrúen sobre o seu interese por plasmar o contorno rural de Pontevedra. Un floreiro, de 1908, é unha obra elegante e preciosista. E un bosquexo, Aniña, datado en 1910, achéganos a ese interese seu pola figura humana.
José Manuel García Iglesias
Bibliografía
COUSELO BOUZAS, J.: La pintura gallega, Porto edit., A Coruña, 1950.
CHAMOSO LAMAS, M.: "Arte" en Galicia, Fundación March, Edit. Noguer., Barcelona, 1976.
FILGUEIRA VALVERDE, J.: El Museo de Pontevedra, Edit. Everest, León, 1987.
O PINTOR Arturo Souto, edic. do Castro, Carnoedo, Sada, 1981.
PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos, Fundación Barrié, A Coruña, 1981.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, edit. Alcor, Madrid, 1980.