VISTA DE UNA CALLE DEL PUEBLO DE ESTRIBELA
Comentarios
De non ser polo cruceiro que centra a composición e a muller da dereita, a primeira vista podería levarnos a pensar nunha paisaxe andaluza: ceo azul mediterráneo, brancos puros de casas caleadas, a luz propia do sur... Alfredo Souto viviu durante anos en Sevilla onde exerceu a maxistratura, polo que as influencias xeográficas resultan claras nas súas obras.Esta pintura, a pesar do seu pequeno formato, está realizada cuns detalles exquisitos, unha pincelada preta e estudada que mesmo nos invita a recoñecer as texturas de todos os elementos que encontramos nesta paisaxe urbana da parroquia de Estribela. Podemos ver unha rúa estreita e en pendente, cun chan desnivelado que axuda a que baixen as augas de refugallo cara ao mar. A perspectiva en contrapicado aparécenos acoutada nos laterais polas casas, crea liñas de fuga e axuda a canalizar a mirada do espectador para realizar o percorrido costa arriba para terminar no cruceiro ao fondo da rúa. Este cruceiro quizais podería ser o que hoxe en día se encontra nas cinco rúas de Pontevedra desde 1962, cando Filgueira Valverde, co propósito de restauralo, o traslada desde Estribela á capital.