BASALLO
Vázquez Novoa-Basallo, Ignacio
( Ourense, 1952 )
Biografía
Criado no seo dunha familia humilde, o seu pai traballou como zapateiro nun serradoiro, onde Ignacio Basallo entraría en contacto coa madeira a moi temperá idade, un material que sería clave ao longo da súa carreira, xa que desde pequeno creou xoguetes para si mesmo.
Tras cursar en Ourense o Bacharelato e inscribirse na Escola de Artes e Oficios, mantén relación con Buciños, que lle dará as primeiras pautas sobre o oficio de escultor. Para perfeccionar a súa técnica, Basallo trasládase a Sevilla, onde traballará no Museo de Reproducións, e máis tarde a Madrid para aprender sobre cerámica e a Barcelona, en 1974, para matricularse na Escola Massana.
Posteriormente regresaría á súa cidade natal onde abrirá un estudio. Axiña se vinculará co grupo Atlántica, colectivo que introduciu novas correntes contemporáneas na plástica galega na década dos 80, coa cidade de Vigo como epicentro. Basallo participará nas súas exposicións e noutras a nivel nacional e internacional. A súa carreira foi recoñecida co seu ingreso en 2015 como académico na Real Academia de Belas Artes de Galicia.
Ao longo da súa traxectoria traballou cos máis diversos materiais, xa que nas súas obras busca o contraste de texturas e domina as posibilidades que lle ofrece cada un. As súas pezas son froito de profundas reflexións, previamente realizadas en bosquexos ou maquetadas, e de inspiración no ámbito rural, no mundo mariñeiro e no da labranza. A abstracción domina o seu estilo e en moitas das pezas introduce elementos de cor achegando dinamismo a estas, pero xamais abandona as súas referencias directas á natureza.
Tres son os períodos nos que se clasifica a súa traxectoria artística, aínda que el non é moi partidario de datar as súas obras, xa que frecuentemente revisa motivos xa traballados aos que incorpora novas aprendizaxes técnicas. Durante os anos 70 traballará a madeira para crear pezas sólidas e contundentes, nas que recreaba ou deixaba apreciar influencias das formas de aparellos de pesca ou labranza. No seguinte decenio introduce novos materiais e cor na súa produción, e réstalle importancia ao volume.
Pola súa parte, a colección Afundación conta con catro obras de Basallo. Tres delas están realizadas na década dos 90, cando o autor xa definiu e puliu a súa linguaxe abstracta e comeza a realizar as súas pezas en diferentes formatos. As tres esculturas están realizadas en diversos materiais como metal, madeira, resina ou corda, que xunto ao cobre lle permiten recrear o debuxo dos seus bosquexos, xerando xogos de luces con cavidades ou coa proxección de sombras en paredes ou chans. As súas esculturas son resultado dun proceso de construción, no solo da devastación da madeira, o que lle permite restar importancia ao volume da peza e potenciar a súa interacción co espazo.
A última das obras dátase en 2002 e nela apréciase como Basallo xoga a ensamblar pezas coas que xoga no espazo, grazas á luz que se proxecta sobre elas e ás sombras que xeran, animando o espectador a contemplar a peza desde distintos puntos de vista para lograr múltiples perspectivas, fuxindo da monumentalidade ou de elementos que as resalten, como poden ser peañas ou pedestais, e potenciando a tensión e a falta de equilibrio. Isto último é o que empurra o escultor a colocar as súas obras en múltiples posicións, afastándose de presentacións clásicas.
Bibliografía
IGNACIO Basallo, CGAC, Santiago de Compostela, 2003.
IGNACIO Basallo, materia prima, Pereira Arte, A Coruña, 2001.
IGNACIO Basallo, Xunta de galicia, Santiago de Compostela, 1996.
Enlace páxina web do artista: http://ignaciobasallo.blogspot.com/