VIOLONCELO
Comentarios
Nesta obra de Luis Caruncho obsérvanse claras influencias do neoplasticismo de Mondrian e do suprematismo construtivista de Malevich, cunha plástica dominada pola xeometría e a limpeza, dentro dun minimalismo propio dos seus últimos anos, evitando o neocubismo de Juan Gris presente na súa obra anterior.
Nesta obra prescinde tamén da súa habitual utilización da colaxe, na que insería anacos de madeira, ferro, metacrilato, arame...., creando efectos ilusorios visuais (xogos de espazo e luz), nunha equilibrada harmonía de materiais e cores a xeito de baixorrelevo con diferentes texturas que crean luces e sombras.
Gradación de cores. Rigor construtivo, pero exquisito sentido do decorativo. Formación de arquitecto, de xeómetra, oposto ao informalismo e preocupado pola modulación do espazo inspirado nas formas da súa paisaxe natal (terra de montes partidos para a extracción de rocha ou acantilados ao bordo do mar).
Representa a razón dende a sensibilidade, a xeometría feita poema, a exactitude emocionada, combinando esa analítica cun sentido lúdico da existencia.
Renuncia á representación de obxectos utilizando o cadrado, o triángulo e o círculo como elementos propios da súa iconografía.