CARUNCHO
Caruncho Amat, Luis María
( A Coruña, 15 de enero de 1929 - Madrid, 7 de octubre de 2016 )
Biografía
Pasa a nenez na cidade natal e logo trasládase coa súa familia a Madrid, ó remata-la guerra civil. Inmediatamente, polo traballo de seu pai, toma contacto con grandes artistas coma Vaquero Palacios e José Caballero. O seu enxeño lévao a construír pequenos obxectos nos que a arquitectura e a plástica se identifican. Debuxa na Escola de Artes e Oficios e mais no Círculo de Belas Artes e viaxa por toda Europa, ó tempo que inicia estudios de Arquitectura. Mentres se titula nesta especialidade realiza novas viaxes por Europa e permanece longas tempadas en París, onde estudia os movementos plásticos más avanzados. De volta a Madrid, vencéllase profesionalmente ó Concello da capital de España, onde ocupou cargos de alta responsabilidade no ámbito cultural, en concreto a dirección do centro Conde Duque, ó que lle deu un pulo excepcional, e, máis tarde, a de tódalas actividades plásticas do concello da vila. A súa peculiaridade na concepción plástica lévao a participar de actividades que reúnen pintura, arquitectura e mais escultura en murais, ornamentacións e ambientacións de espacios en diferentes lugares, dende áreas comerciais ata embaixadas españolas no estranxeiro. O seu afán creador non ten límites pois ata realiza vitrais e obra gráfica que acadan unha considerable difusión. As súas exposicións sucédense en España e no estranxeiro; en París é un dos artistas españois mais prezados, dende o espallamento que da súa obra fai o famoso galerista André Urban. Gaña premios importantes, tales coma o da Editorial Anaya e o L´Oréal, que confirman a súa fama internacional posto que xa expuxera tamén en diversas cidades de Sudamérica. A súa paixón pola difusión da arte lévao a crear e dirixi-la sala Kandinsky de Madrid, expoñente da vangarda así como dos mellores e máis adiantados movementos de arte internacional contemporánea. Está representado en numerosos museos, entre eles os de Galicia, o da Arte Contemporánea de Madrid, etc. Caruncho representa o razoar dende a sensibilidade; é a xeometría feita poema, a exactitude emocionada. Na súa plástica adoita haber adherencias e algúns dos seus cadros son baixorrelevos encol de superficies insólitas porque calquera elemento −plástico, metacrilato, alambre, etc.− pode estar incorporado ó cadro. Dalgún xeito, a súa obra máis representativa parte dos conceptos de Mondrian e Malevich, aínda que en definitiva a inevitable frialdade destes grandes artistas a supere ou disimule Caruncho cun latente barroquismo. A súa identificación co mestre Palazuelo é innegable pero tamén é certo que a obra de Caruncho ten sido fundamental para que outros moitos artistas españois atopasen o seu camiño de expresión. A crítica de todo o mundo interesouse pola súa obra, así como grandes poetas que, a través dos seus versos, expresaron o xuízo que lles merecía unha plástica inconfundible, personalísima, de impecable execución e na que as emocións quedan freadas, como dominadas pola xeometría, a perfección, a limpeza, ata o pulquérrimo. A cita de poetas que escriben sobre Caruncho non remata con Victoriano Crémer, Ánxeles Penas, Alberto Girri, Gabriel Plaza, Ángel Bonomini, Fernando Mon, Francisco Sitjá e Raúl Chávarri. Investigador da arte en tódolos seus aspectos, publicou varios estudios e ensaios, entre os que sobresae unha ampla monografía do pintor galego, Luis Mosquera.
Bibliografía
ALAMINOS LÓPEZ, E.: Luis María Caruncho Amat. La construcción del Centro Cultural del Conde Duque (1983-1995), Ayuntamiento de Madrid, Madrid, 2019.
CARUNCHO. Retrospectiva, Palacio Municipal de Exposiciones Kiosko Alfonso, A Coruña, 1995.
CARUNCHO. 7 momentos (unha homenaxe da súa cidade), Concello da Coruña, A Coruña, 2011.
CARUNCHO, postcubismo y abstracción geométrica, Ayuntamiento de Madrid, 2019.
CELA, C. J.: La pintura de Luis Caruncho, Papeles de San Armadáns, Palma de Mallorca, 1977.
LUIS Caruncho, CGAC, Santiago de Compostela, 2004.
MON, F.: Caruncho, Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación, Madrid, 1979.
SEMPRE Caruncho, Museo de Pontevedra, Pontevedra, 2017.
Obra
-
Collage naranja 1985
-
Abanico y azul 1954
-
VIOLONCELO 1959
-
Desarrollo geométrico para un espacio lúdico 1988