TIOVIVO
Comentarios
Os lugares de xogo son unha temática do gusto de Vari Caramés, pero sempre interpretados desde a soidade e a melancolía, alegrías vistas a través dun misterio evanescente. Non vemos os nenos xogando, senón a atracción baleira e ausente de vida, rodeada por un espello de chan mollado pola choiva que reflicte a soidade, e envolto todo nunha “néboa” que lle resta nitidez á imaxe, froito do desenfocado típico neste artista e que axuda a crear sensacións e sentimentos.
Os edificios da esquerda e a varanda do paseo marítimo da dereita, ambos de marcada horizontalidade, crean multitude de liñas de fuga que fan que a nosa vista vaia cara ó centro da fotografía, onde se atopa o carrusel, en lugar de irse cara á dereita, onde a profundidade chega a mesturarse co horizonte. Este camiño visual conségueo a través dun encadre preciso e estudado cun ángulo modificado que fai que o plano do chan en primeiro termo se nos presente cunha lixeira inclinación.