MOTORISTA
Comentarios
Esta é unha das súas fotografías do cotián na que o autor tenta reflexionar sobre temas que o rodean, aparentemente banais pero que dota dun xenial protagonismo extraéndoos do seu contexto e dándolles un novo punto de vista. Imaxes onde perpetúa o efémero e o fugaz. Nesta época aínda non se dedica á fotografía de maneira profesional, farao pouco despois, a súa produción aínda se basea no branco e negro, a cor aparecerá na traxectoria de Vari Caramés un par de anos máis tarde da realización desta instantánea. Posteriormente alternará as dúas técnicas ata a actualidade.
Curiosamente o motorista preséntasenos estático, mentres que o movemento atopámolo no resto da imaxe: edificios, estrada, valos... aparecen representados a través dun varrido desenfocado e difuminado pero á vez estudado con detemento. Todos estes efectos son resultado dun traballo totalmente artesanal onde se aprecia un minucioso estudo desde que o ollo mira a través do obxectivo, pasando polo “enfocado do desenfoque”, o cálculo do tempo de exposición, o momento xusto de pulsar o disparador... ata chegar ó revelado no laboratorio, achegando detalles e matices a través da química que dan lugar á obra final, un proceso que no caso de Vari Caramés se concibese de forma case intuitiva.