JUAN LUIS
López García, Juan Luis
( Santiago de Compostela, 1894 - Madrid, 1979 )
Biografía
Un pintor típica e enteiramente español, do seu tempo, comparable a Eugenio Hermoso, a Manuel Benedito, a Julio Moisés. Foi bolseiro polo Concello compostelán para estudiar en Madrid. Concorreu ás Exposicións Nacionais de Belas Artes, nas que tivo fortuna e seguiu a clásica carreira de medallas, posto que obtivo a terceira en 1917, a segunda en 1922 e a primeira en 1943, entre nada menos que trescentos oitenta aspirantes, segundo catálogo da mostra. O seu cadro galardoado é Mujeres marineras, coa precisión de debuxo e coa ledicia exultante de cor que caracterizou a súa angueira de sempre. Na Exposición Rexional da Coruña, en 1917, dáse a coñecer e xa merece eloxios do bo crítico da época, Barreiro. En 1930 realiza unha ampla viaxe por Italia, Suiza e Francia, que lle permite coñece-la grande pintura europea de tódolos tempos. En disputada oposición consegue cátedra na Escola de Belas Artes de San Xurxo, en Barcelona, onde exerce un amplo e efectivo maxisterio. Celebrou exposicións en numerosas cidades de España. A última importante no Círculo de Belas Artes de Madrid, en 1978. Conservan obra súa os museos contemporáneos de Madrid, Barcelona e tódalas cidades de Galicia, así como institucións públicas.
Juan Luis, porque así asinaba os seus cadros, é un pintor alegre, de intenso colorido, de materia considerable e ben empastada. As escenas campesiñas ou mariñeiras dános unha visión alegre da vida, con xentes ben alimentadas, sorrintes, de anatomías rexas, ás que parece que o esforzo do traballo non lles pesa. Hai un deliberado folclorismo nesta pintura, que o artista eleva de categoría, porque sempre está o bo facer,a honradez,o realismo como fondo dunha mancha de técnica impresionista, moi sabia e dun excelente equilibrio entre o academicismo do debuxo e o cromatismo, capaz de quentar emocionalmente canto representa o compostelán. Testemuñalmente, a pintura de Juan Luis é importante, posto que mostra unha tipoloxía e uns costumes que desaparecen. Esteticamente é irreprochable, fiel ó seu tempo. Na última etapa da súa vida, Juan Luis cultivou unha paisaxe de factura moito máis solta, de clara ascendencia impresionista, onde están algúns dos mellores exemplos da súa longa andadura.
Bibliografía
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica a las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte Español Contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic. 1970.
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Ilarri Gimeno, Angel: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León». Vigo, Ayuntamiento 1978.
Obra
-
Vendedora de pescado 1965 (Circa)
-
El remanso 1970
-
Cousas do mar e da terra 1964
-
Después del baile 1947