• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

VICENTE PREGO

Prego Vázquez, Vicente

( A Coruña, 1957 )

Biografía

De vocación tardía, empeza a pintar en Madrid arredor de 1972 e inicia a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela —diplómase en 1982—, que ampliará coa carreira de Belas Artes na Universidade de Vigo na primeira metade dos anos noventa. A súa actividade expositiva comeza en 1985 e, nos seus inicios, a súa carreira artística vai estar moi vinculada á Galería Trinta de Santiago, coa que viaxa en tres edicións consecutivas a Madrid á feira ARCO. Así mesmo, participa nas dúas primeiras mostras que organiza Unión Fenosa, nas que é seleccionado, e no II e V Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, de 1991 e 1998 respectivamente, nos que adquiren dúas obras da súa autoría. Traballou con moitas galerías galegas e expuxo a súa obra en mostras individuais e colectivas en numerosas cidades galegas, Madrid, Tarragona, Lisboa (Portugal) ou Lorient (Francia). Cómpre salientarmos a súa participación no ano 2008 na colectiva 2D XXI Arte Galega, celebrada en París e organizada conxuntamente por Caixanova e o Instituto Cervantes, así como na mostra Torremanía, en apoio á candidatura da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, e que organizou o  Concello da Coruña. A súa obra figura en prestixiosas coleccións de institucións e museos galegos como a da Deputación Provincial da Coruña, Unión Fenosa, Xunta de Galicia, Consorcio de Santiago, Abanca, Universidade da Coruña ou a Universidade de Santiago de Compostela.

Artista de carácter intimista, iníciase na senda do informalismo español cunha pintura de vivo cromatismo na que teñen un gran protagonismo a textura e a materia, para evolucionar cara a unha obra na que cambia o soporte do lenzo pola madeira e inclúe a figura —principalmente arquitecturas clásicas ou paisaxes— con informalistas fondos e unha gama cromática na que predominan os negros, terras, ocres e sienas. Déixase seducir pola ambigüidade, de maneira que se move entre realidade/fantasía, abstracto/figurativo, orde/caos, espontaneidade/premeditación. Fascinado polo pasado e as civilizacións pretéritas, o paso do tempo vai ser o motivo principal dunha obra que xira arredor do ser humano, aparecendo nas súas imaxes dunha maneira suxerida, non directa. A nivel técnico, séntese dalgún modo próximo a un ebanista, pois emprega a gubia, o trade ou a lixa, aos que se suman a brocha e o pincel, nun traballo a base de capas ao que intenta aplicar o verniz do tempo. Entre os seus referentes e influencias atopamos a Twombly, Mompó, Paul Klee, Tàpies ou mesmo o graffiti, xénero que lle permite introducir no cadro: palabras, números e signos.

Na Colección Afundación figuran tres obras do autor coruñés. Nelas, recrea paisaxes e monumentos, que parecen recordar antigas postais de viaxes ou vetustos pergamiños, que se amosan esfumados como vellos recordos; todo iso matizado con incisións, manchas, raias e diversas grafías. Nestas pezas apréciase unha evolución: en Monumento (1994), a figura, neste caso unha edificación clásica, xorde dun fondo neutro ensombrecido, mentres que nas dúas obras posteriores —as dúas datadas en 2001—, o figurativo ten maior presenza, ocupa unha maior superficie, e sérvese dos vernices para reforzar o aspecto clásico da imaxe; na obra Sin título evoca o mundo oriental do deserto coa palmeira como elemento recorrente do seu imaxinario. En Siena representa a célebre cidade italiana con estas mesmas premisas estilísticas.

Bibliografía

-I y II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989 y 1991. -Revisión dunha década. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1990.

Obra

  • Sin título

    Sin título 2001

  • Siena

    Siena 2001

  • Monumento

    Monumento 1994

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78