Conferencia ECLIPSES: MAXIA, MEDO… E CIENCIA, en A Coruña
O 11 de agosto ás 19.00 h, a Sede Afundación A Coruña acolle a conferencia divulgativa «Eclipses: maxia, medo... e ciencia», a cargo da astrofísica Eva Villaver. Unha actividade aberta a toda a cidadanía, sen necesidade de coñecementos previos e con entrada de balde previa reserva en Ataquilla.com.
A través dunha linguaxe próxima e accesible, Villaver percorrerá a historia cultural e científica dun dos fenómenos naturais máis espectaculares do ceo: as eclipses. Ademais, analizará como pasaron de ser interpretadas como sinais sobrenaturais a converterse nunha ferramenta fundamental para comprender o universo. Durante a conferencia, as persoas que asistan descubrirán como estes eventos axudaron a estudar a atmosfera terrestre, coñecer a dinámica do Sistema Solar e incluso verificar algunhas das teorías máis importantes da física moderna.
Eva Villaver é profesora de investigación e subdirectora do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), doutora pola Universidade da Laguna e conta cunha traxectoria internacional que inclúe institucións como a NASA, a ESA, a Universidade Autónoma de Madrid e o Centro de Astrobioloxía. Participou no descubrimento de decenas de exoplanetas, é autora de centenares de publicacións científicas e dirixiu a Oficina de Espazo e Sociedade da Axencia Espacial Española. Dado o seu compromiso coa divulgación, colabora habitualmente con medios de comunicación e recibiu o Premio da Sociedade Xeográfica Española (2023) e o Premio de Divulgación da Carreira da Muller (2024).
Aproveita para visitar a axenda web e informarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte sobre outras actividades escénicas.