Asóciate e goza de ser +60!

En Afundación, a través da oferta dos nosos Espazos +60, nos que contamos actualmente con máis de 14 000 persoas socias, acompañamos as persoas maiores no seu percorrido vital, ofrecendo propostas e oportunidades para mellorar a súa calidade de vida e benestar, por medio de actividades grupais relacionadas con hábitos saudables, aprendizaxe, formación en cultura dixital, lecer activo, actividades interxeracionais ou voluntariado.

A maior lonxevidade, a heteroxeneidade e os novos perfís de persoas que chegan á etapa da xubilación, con estilos de vida máis activos e independentes, lévannos a innovar continuamente nas nosas propostas, contando para iso coa súa participación directa para adecuarnos ás súas necesidades e expectativas.

Co fin de medir a eficacia dos nosos programas, Afundación e a Universidade de Santiago realizamos unha investigación en 2017, usando o Índice Persoal de Envellecemento Activo (Marsillas, 2016), a primeira ferramenta que permite a avaliación e cuantificación do envellecemento activo dunha persoa. As conclusións desta investigación servíronnos para estruturar a nosa oferta en diferentes dimensións e identificar áreas de traballo que requiren un maior desenvolvemento, como é o caso da educación emocional, para favorecer a mellora da calidade de vida das persoas a medida que envellecemos.

A difusión dunha imaxe social dos maiores afastada de estereotipos, dando visibilidade a persoas reais e diversas, e a divulgación do coñecemento e boas prácticas no ámbito do envellecemento activo forman parte igualmente dos nosos obxectivos.

Benestar

A incorporación do exercicio á vida diaria ten efectos beneficiosos e unha repercusión directa na calidade de vida a cualquera idade. Realizalo en grupo suma beneficios á práctica, xa que fomenta a socialización e a cooperación entre as persoas participantes.

Para favorecer a práctica de exercicio, proporcionamos propostas variadas que se adaptan aos obxectivos, estado físico e particularidades de cada persoa participante: Ximnasia, actividades aeróbicas, ioga, pilates, danza, expresión corporal, baile latino, de salón ou obradoiros de prevención de caídas, son algunhas das nosas propostas.

Adestramento cognitivo

Levar unha vida activa, en xeral, favorece o mantemento das nosas capacidades cognitivas. Estas actividades poderán adestrar a coordinación, memoria, a concentración e control executivo dunha maneira entretida e divertida, a través de xogos e actividades variadas.

Para as persoas que, ademais, queren realizar un traballo específico de prevención, propoñemos actividades para adestrar a coordinación, memoria, a concentración e o control executivo dunha maneira entretida e divertida, a través de xogos  e actividades variadas.

Educación emocional

Sabemos que debemos revisar de forma pautada o noso corpo e o seu funcionamento biolóxico, aprendendo estilos de vida saudables como a alimentación ou o exercicio físico. Porén, non temos tan interiorizado o feito de prestar a mesma atención a coñecer como funciona a nosa mente e as nosas emocións.

Apredizaxe permanente

As necesidades de aprendizaxe son constantes ao longo do noso ciclo vital para adecuarnos a novas situacións ou esixencias, por razóns de superación e crecemento persoal, para o autocoidado da nosa saúde, para o manexo eficiente das nosas finanzas, etc.

Para favorecer a adquisición de novos coñecementos ou de melloralos, dar resposta aos intereses máis variados e á inquietude por relacionarse con outras persoas con intereses afíns propoñemos unha ampla programación formativa en ámbitos relacionados coa arte, idiomas, saúde, educación financeira, historia, entre outros.

Cultura dixital

O uso das tecnoloxías da información e a comunicación conéctannos co presente, coa evolución da tecnoloxía, os cambios sociais e as novas tendencias; por iso, son un medio para a participación social.

Para adquirir destrezas prácticas no uso dos teléfonos intelixentes, as tabletas e internet e as súas utilidades para a vida cotiá e aproveitar as oportunidades de relación con outras persoas que nos ofrecen, programamos unha ampla oferta de actividades formativas.

Lecer activo

Xa sexa un destino próximo ou unha viaxe a un lugar recóndito, a experiencia de viaxar pode ser unha gran fonte de desfrute. Saír de nosa casa sérvenos para esquecer preocupacións, obrigas e rutinas, abrir a nosa mente, coñecer costumes e culturas e conectar con outras persoas.

En Afundación programamos viaxes pensadas para que as persoas gocen ao máximo, ocupándonos de resolver calquera imprevisto que poida xurdir, xa que, ademais dos guías oficiais, o grupo vai acompañado por persoal de Afundación.

En 2020 programamos catro viaxes internacionais ("Escocia", "Exipto con cruceiro polo Nilo", "Austria e o Tirol" e "Cuba") e dous nacionais: "Huelva a Albufeira" e "A Rioja e Álava".

Ademais, segundo a época do ano, cada Espazo +60 de Afundación presenta plans de lecer en grupo para coñecer o patrimonio histórico e natural da nosa terra, visitar museos e acudir a celebracións tradicionais, en ocasións con clases teóricas previas. Esta oferta constitúe un excelente vehículo para favorecer o encontro e as relacións sociais entre persoas de diferentes localidades.

Valor da experiencia

Esta liña de actuación pretende ampliar as oportunidades de participación social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional.

Para iso, en primeiro lugar, desenvolvemos programas interxeracionais destinados a superar a fragmentación por grupos de idade da nosa sociedade a través da interacción entre eles, e poñemos en marcha accións de voluntariado social.