En Afundación ofrecémosche novas oportunidades de participación para aproveitar o teu talento e a túa experiencia persoal e profesional ao servizo de mozos e maiores en diferentes ámbitos. Poderás participar nas nosas actividades de voluntariado interxeracional, voluntariado cultural e educativo, voluntariado social e comunitario, e voluntariado medioambiental. Un amplo abano de actividades dos nosos Espazos +60 entre as que poderás atopar algunha que se axuste ás túas preferencias.

Falamos da escola

A narración das experiencias escolares e circunstancias de vida das persoas voluntarias nacidas nas décadas dos anos 30, 40 e 50 do século pasado son o eixe principal do programa «Falamos da escola». Este encontro favorece que a xente nova se faga consciente e valore que o dereito á educación universal é un logro moi recente do que as persoas maiores non puideron gozar.

Fálame da emigración

As historias de vida dos maiores na emigración son o eixe do programa, articulado a través de dous encontros nos institutos e precedidos dun traballo preparatorio que se apoia en material e recursos didácticos aportados por Afundación. Maiores e estudantes comparten experiencias, reflexións e emocións, establecendo relacións baseadas no respecto mutuo.

Outros programas de voluntariado

Cos nosos proxectos de voluntariado interxeracional poderás contribuír ao diálogo con mozos, nenos e e nenas, participando nos clubs de lectura en centros de secundaria. A través dos proxectos de voluntariado cultural e educativo poderás achegar os teus coñecementos a outras persoas maiores participando como formador/a ou guía de rutas históricas, ou participar en actuacións dos nosos grupos artísticos de contacontos, teatro, monicreques ou musicais en beneficio de diferentes colectivos.

Se queres facer voluntariado medioambiental, poderás achegar o teu coñecemento para a plantación de árbores. Se a túa vocación é social, nos nosos obradoiros solidarios podes aprender a elaborar produtos de artesanía destinados á venda nos nosos mercados solidarios cuxa recadación destinamos a oenegués de acción social.

Manifesto pola solidariedade interxeracional

Propiciamos espazos de encontro enmarcados nun manifesto que reivindica en 10 puntos a necesidade de superar calquera forma de discriminación por razón de idade e a importancia de que as persoas de todas as xeracións aprendan unhas de outras, dialoguen e se respecten mutuamente.