A narración das experiencias escolares e circunstancias de vida das persoas voluntarias nacidas nas décadas dos anos 30, 40 e 50 do século pasado son o eixe principal do programa «Falamos da escola». Este encontro favorece que a xente nova se faga consciente e valore que o dereito á educación universal é un logro moi recente do que as persoas maiores non puideron gozar.

«Falamos da escola» vencella maiores e xuventude, que dialogan no primeiro encontro desde a perspectiva histórica que ofrece a relación interxeracional e a tensión creativa de experiencias escolares e vitais tan dispares. No segundo encontro debaten desde os seus puntos de vista acerca de cal debe ser o papel da educación contemporánea. As conclusións ás que cheguen conxuntamente serán recollidas para realizar unha achega orixinal e diferente que enriqueza o debate educativo.