Conferencia-taller con RAFA GUERRERO. A miña tormenta cerebral na adolescencia, en AfundaciónTV
- "A miña tormenta cerebral na adolescencia" | conferencia - obradoiro para adolescentes | 30 MAR | 11.30 h | En streaming AfundaciónTV
Coñecer como funciona o cerebro na adolescencia é clave para as mozas e mozos que estamos a pasar esta etapa, achega luz e comprensión sobre determinados comportamentos, pensamentos e emocións que temos e que quizais non entendemos. É importante saber por que en moitas ocasións sentimos un balbordo de emocións. Esa autocomprensión levaranos a saber xestionar mellor a nosa forma de actuar no presente, e marcará o noso equilibrio emocional a futuro.
Nesta charla-obradoiro dirixida a adolescentes, Rafa Guerrero dá algunhas das claves sobre control emocional, aspectos relacionais, etc. co que entraremos de cheo a coñecer como é o cerebro nesta marabillosa idade de cambio, cal é a diferenza coa infancia e que cousas podemos facer para controlar os impulsos, entender as emocións e non perder a nosa actitude vital. Un obradoiro novo e interesante, que ofrece a posibilidade de entendérmonos a nós mesmas e mesmos, mais tamén ao resto de compañeiros e compañeiras que viven situacións semellantes.
INSCRICIÓNS AQUÍ
- "Os efectos do estrés sobre o cerebro na infancia" | conferencia - obradoiro para familias e profesorado | 30 MAR | 18.30 h | Sede Afundación Vigo
Ao nacer, o ser humano ten un cerebro extremadamente inmaduro e maleable, o que fai que todo estímulo, contexto e persoa coa que ten relación afecte ao seu desenvolvemento nunha dirección ou noutra.
Nesta conferencia, veremos como vai evolucionando o cerebro na infancia, que consecuencias ten a sobreestimulación e como impactan os traumas.
INSCRICIÓNS AQUÍ
RAFA GUERRERO
É licenciado en Psicoloxía Clínica e da Saúde pola Universidade Complutense de Madrid (UCM). Doutor en Educación. Experto en Psicoloxía Educativa. Máster en Psicoterapia Breve. Experto en TDAH, trastornos da aprendizaxe e problemas de conduta. Experto en Psicoterapia Breve con infancia e adolescencia. Experto en Clínica e intervención en trauma.
Traballou durante varios anos como orientador dun colexio concertado da Comunidade de Madrid. Exerceu de psicólogo no Centro de Atención á Diversidade Educativa (CADE). Na actualidade é director de Darwin Psicólogos e profesor da Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid (UCM). Ademais, tamén imparte clases no Grao de Psicoloxía e no Máster de Atención á Diversidade e Apoios Educativos do Centro Universitario Cardeal Cisneros, pertencente á Universidade de Alcalá de Henares. É profesor do Máster Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas da Universidade Rey Juan Carlos (URJC). Autor dos libros Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividad. Entre la patología y la normalidad (2016), Educación emocional y apego. Pautas prácticas para gestionar las emociones en casa y en el aula (2018) e Cuentos para el desarrollo emocional desde la teoría del apego (2019).
Membro da Sociedade Española de Medicina Psicosomática e Psicoterapia (SEMPP). Membro do Instituto para o Desenvolvemento e a Aplicación de EMDR (IDAE). É colaborador habitual do xornal El País, o diario ABC, Gestionando Hijos, Educación 3.0 e La mente es maravillosa, entre outros medios de comunicación, ademais de figurar coma un dos grandes educadores a través das redes sociais con 234 000 seguidores en Instagram. Conferenciante en congresos nacionais e internacionais. Formador de profesorado, nais e pais en numerosos colexios e centros educativos de España.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
MÁIS INFO AQUÍ.