Conferencia con ARUN MANSUKHANI. Ciclo Educación s. XXI, en Pontevedra
O martes 15 de outubro, o prestixioso psicólogo clínico ARUN MANSUKHANI ofrece dous encontros con motivo do ciclo EDUCACIÓN S. XXI na Sede Afundación de Pontevedra. O primeiro deles, dirixido a escolares, será ás 11.00 h, e o segundo pase para público xeral, pola tarde, ás 19.00 h.
ESCOLARES | 11.00 h | INSCRICIÓN
PÚBLICO XERAL | 19.00 h | INSCRICIÓN
Esta charla versará sobre sexualidade e relacións. Os últimos acontecementos sociais demostraron que, máis aló da formación intelectual e física, a educación emocional é fundamental para o desenvolvemento. Ata hai pouco, a atención relacionada con competencias emocionais parecía non ser relevante, converténdose na actualidade nunha necesidade á que se enfrontan escolares, profesorado e familias.
Co obxectivo de dotar de ferramentas ás e aos máis novos que lles axuden a comprenderse mellor e comprender a súa contorna, presentamos un programa específico orientado á saúde emocional con conferencias e talleres.
ARUN S. MANSUKHANI
É psicólogo clínico e sexólogo con formación especializada en Terapia Cognitivo Condutual, Facilitador EMDR Europa, NIII de Terapia Sensoriomotriz e Especialista Universitario en Hipnose Clínica. É director do Centro de Regulación Emocional Arun Mansukhani Psicólogos en Málaga. Está especializado en trauma e apego.
Impartiu conferencias e obradoiros en máis de 30 congresos nacionais e internacionais. Foi formador en mestrados de posgrao e programas de formación para profesionais da saúde mental en diversos países coma España, Portugal, Francia, Alemaña, Holanda, Inglaterra, Irlanda, Escocia, Rusia, India, Chile, México, Perú ou os Estados Unidos. Ocupou diferentes cargos representacionais e de asesoramento en organismos nacionais e internacionais, sendo na actualidade asesor da Comisión Europea para a European Citizens’ Panel on Anti-Hatred. Recibiu neste 2024 a distinción de Antigo alumno de honra da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Málaga.
Con frecuencia imparte conferencias para público xeral e participa a través de diversos medios na divulgación sobre temas relacionados coa Psicoloxía e a Sexoloxía, tanto en prensa escrita coma na radio e televisión. A súa charla TEDx sobre dependencia emocional é unha das máis vistas en castelán. Publicou en 2023 o libro Condenados a entendernos.
Esta conferencia enmárcase dentro do programa CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, para incrementar os recursos do banco de alimentos local. Convidamos todas as persoas que asistan a este evento a colaborar con esta campaña solidaria coa doazón de produtos non perecedoiros, que poderán depositar á entrada do recinto.
Máis información AQUÍ.
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
Máis información AQUÍ.