Exposición LUGO NO TEMPO, en Lugo
Podes visitar a exposición «Lugo no tempo» na Sede Afundación de Lugo ata o 27 de maio de 2023. Trátase da terceira exposición que conforma o proxecto «Cidades no tempo», poñendo o foco nunha cidade que representa un dos mellores casos de convivencia entre a cultura do campo e a urbana.
Esta proposta, CIDADES NO TEMPO, é unha das máis complexas e ambiciosas organizadas na nosa comunidade nos últimos anos. En cada exposición, cun legado que se remonta séculos na nosa historia, explórase a singularidade de cada unha das cidades, diferentes entre si, pero á vez fortemente conectadas.
A Coruña, Vigo, Pontevedra e finalmente Ourense, serán as seguintes cidades galegas protagonistas desta exposición e nas que irá recalando ao longo dos meses ata chegarmos a 2024.
COMISARIO | MANUEL GAGO
VISITAS COMENTADAS público xeral
DIDÁCTICA
Visitas obradoiro e comentadas | ata o 13 de maio 2023
INFANTIL, PRIMARIA, ESO, BACHARELATO e CICLOS FORMATIVOS
• INFANTIL a 3º PRIMARIA | Visita conto con obradoiro de STEAM | Rapazada Augusta
As nosas pequenas e pequenos converteranse en Romanorum Imperatores Lugo, novas xeracións de lugueses na conquista da súa historia. E no obradoiro, un cómic electrónico e principios de robótica para falar das orixes da nosa historia.
• 4º PRIMARIA a 2º ESO | Visita xogo de enxeño con obradoiro de STEAM | Mosaicos de historia
Mapas, documentos, pezas… un percorrido pola historia de Lugo que deberemos reconstruír na liña do tempo, coa súa orixe no campamento romano que fixo de Lugo a cidade máis antiga de Galicia. E no obradoiro, tecnoloxía de deseño en 3D.
• 3º ESO a BACHARELATO e CF | Visita comentada con posibilidade de obradoiro de STEAM | Lugo no tempo
Historia, sociedade e economía na cidade de Lugo.
2 €/ ESCOLAR
982 289 096
[email protected]
Sede Afundación Lugo, Praza Maior, 16
A exposición explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio a través de máis de 90 pezas de diferente tipoloxía que percorren a fusión da cultura do campo e a cidade e deixan constancia da influencia tanto galaica como romana en moi diferentes eidos, desde a economía ou as infraestruturas ás crenzas, o tempo de lecer ou a creación artística.
Trátase dunha escolma dos tesouros salvagardados nas institucións máis relevantes de Lugo como son, entre outras, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Diocesano, o Arquivo Histórico Provincial, a Biblioteca Pública ou o Círculo das Artes de Lugo.
A proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, documentos históricos, obxectos de alta cultura e cotiáns con gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións. A exposición percorre desde as orixes da urbe ata os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX, trasladándonos a espazos decisivos dunha cidade marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Na mostra poderase escoitar, explica o comisario Manuel Gago, «a gravación en primicia da peza renacentista composta polo padre Hernando de Ojea en 1602 para acompañar o lema do Reino de Galicia, un dos primeiros precedentes do que serían tempo despois os himnos nacionais europeos». E é que entre as pezas destacadas atopamos unha edición, neste caso de 1636, do primeiro mapa impreso de Galicia no que, ademais de incluír unha partitura agora musicada, se asocia o Sacramento lugués ao escudo galego.
O percorrido preséntanos varios obxectos que amosan a fusión de culturas, a galaica e a romana. É o caso da moeda da caetra, a primeira acuñación monetaria producida no noroeste peninsular. Está cargada de simbolismo, con Octavio Augusto por unha cara e escudos e símbolos galaicos pola outra. Tamén a cerámica, neste caso a decoración dunha crátera, deixa constancia desa cultura híbrida. As celebracións emblemáticas da cidade tamén ocupan un lugar destacado no espazo expositivo polo que os carteis do San Froilán ao longo da historia, ou os estandartes das asociacións do Arde Lucus, contan a evolución da propia urbe e da súa sociedade.
MANUEL GAGO
Manuel Gago Mariño é doutor en Ciencias da Comunicación pola USC, director da plataforma de divulgación cultural culturagalega. gal do Consello da Cultura Galega e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Especializado na confluencia entre cultura e tecnoloxía, e pioneiro de novos formatos dixitais de comunicación cultural desde finais dos anos 90, é responsable de numerosas iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural, ademais de colaborador dos principais medios de comunicación do país, como La Voz de Galicia, a Radio Galega, El Progreso ou o Diario de Pontevedra. Como comisario de exposicións, Gago ten traballado con algunhas das máis relevantes institucións do ámbito galego e xestionado pezas dos máis destacados centros internacionais. Foi responsable das mostras Ao pé do lar: memorias da cociña (Fórum Gastronómico / Museo do Pobo Galego, 2010), Galicia 100. Obxectos Comisariado para contar unha cultura (Consello da Cultura Galega, 2016), Alba de Gloria de Castelao: unha experiencia (Consello da Cultura Galega, 2018) e Galicia, un relato no mundo (Fundación Cidade da Cultura, 2019). Como ensaísta e escritor, Gago ten publicado libros con éxito de público, entre os que destacan o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora, 2012) co arqueólogo Xurxo Ayán, o libro de narrativa Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia (Xerais, 2013) e as novelas O Anxo Negro (Xerais, 2016), O exército de fume (Xerais, 2016) e Nus (Xerais, 2021).
Coordinadora local | MARICA CAMPO
Comité científico xeral
• Miguel Pazos Otón. Doutor en Xeografía. Profesor Titular de Xeografía Humana na USC
• Cristina Sánchez-Carretero. Antropóloga. Doutora pola Universidade de Pennsylvania. Científica titular do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) do CSIC.
• Xaquín Núñez Sabarís. Doutor en Filoloxía Hispánica. Profesor titular do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho.
CATÁLOGO
Cada exposición conta con cadanseu catálogo que segue a estrutura da propia mostra, nun formato moi visual. Poderanse adquirir, a modo de colección, cun estoxo para gardalos.
Estrutura:
— Textos institucionais comúns a todos os catálogos de ‘Cidades no tempo’
• Presidente da Xunta de Galicia
• Presidente de Afundación
• Texto comisario: Manuel Gago
• Texto asesor: Miguel Pazos Otón.
Urbanización e cambio nas cidades galegas
• Texto asesor: Xaquín Nuñez Sabarís. Cidades, que cidade? mapas, imaxinarios, representacións
• Texto asesor: Cristina Sánchez-Carretero. Escoitar e habitar a cidade patrimonial
CIDADES NO TEMPO
O proxecto xeral explora o modelo urbano galego, conformado por pequenas cidades ‘híbridas’ que se imbrican coa paisaxe e fortemente vinculadas. Unha malla urbana que conforma a base da gran ‘cidade xardín’ soñada polos intelectuais de Galicia ao longo do século XX.
Cada exposición é unha indagación interdisciplinar ao redor da herdanza das sete grandes cidades de Galicia, e como ese legado colectivo se conecta coa nosa identidade e memoria individuais. Por iso, exploramos a cidade non só a través das súas trazas urbanísticas e históricas, senón tamén do patrimonio inmaterial que foi conformado ao longo do tempo e que converte a cidade nun espazo de vida, interacción social e memoria. A través da antropoloxía, a lingua, a xeografía, a literatura ou as artes descubriremos o longo e rico proceso de conformación das identidades urbanas de Galicia.
A mostra evidencia tamén o carácter singular e diverso de cada unha das cidades. Cada unha conta un relato propio que se constrúe no tempo e que representa tamén unha parte da nosa sociedade. CIDADES NO TEMPO parte do mito fundacional que recoñecemos en cada unha das sete grandes urbes (Vigo e a industralización, Lugo e a conquista romana, Santiago e as reliquias do Apóstolo…) e compárao coa realidade documentada a través da historia para revelar o que contan e o que esconden de si mesmas.
«Cidades no tempo», un dos grandes proxectos do Xacobeo 2021-2022, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, a Obra Social de ABANCA.