Exposición A NOSA ARTE. Colección do Parlamento de Galicia, en Lugo
A Sede Afundación Lugo acolle a mostra A NOSA ARTE. Colección do Parlamento de Galicia do 9 de novembro ao 27 de xaneiro de 2024. Achégate a ela e afonda nas diferentes perspectivas da arte galega do século XX e comezos do XXI.
comisariado | MARÍA VICTORIA CARBALLO CALERO, FELIPE SENÉN e CARLOS VALLE
CULTURA POR ALIMENTOS
Coñeces o noso programa solidario? Accede a toda a información desde a nosa web para saber de todas aquelas actividades culturais que podes realizar nos nosos recintos por un intercambio de alimentos non perecedoiros, destinados aos bancos de alimentos locais, en colaboración con FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos. Esta exposición forma parte da rede de actividades adheridas á iniciativa, polo que te convidamos a deixar a túa doazón á entrada da Sede Afundación A Coruña, no punto habilitado, cando a visites.
A ilusión compartida que nos move! Infórmate aquí
O Parlamento de Galicia, cerne da autonomía política da Comunidade, atesoura unha das máis valiosas e variadas coleccións públicas de arte galega contemporánea. Un auténtico tesouro froito da talento creativo dos seus autores e autoras e tamén do compromiso inequívoco coa arte galega dos diferentes equipos reitores da Cámara lexislativa. Un tesouro, en suma, que é de todos e para todos, e tamén unha ferramenta poderosa de difusión da nosa cultura, dentro e fóra das nosas fronteiras xeográficas.
A dimensión cuantitativa e cualitativa que esta colección de arte foi adquirindo co paso do tempo, desde aquel arredado 19 de decembro de 1981, cando o Parlamento de Galicia botaba a andar nunha sede que nin sequera era de seu, o arcebispal Pazo de Xelmírez, fai que cada día nos sintamos máis orgullosos dela, ao tempo que redobramos os esforzos para a dar a coñecer, tanto entre os expertos como entre o público en xeral.
Dun tempo a esta parte, o Parlamento de Galicia está inmerso nunha estratexia de apertura á sociedade co obxectivo de que a xente nos coñeza mellor, porque —hai que o recoñecer— o Poder Lexislativo segue a ser, e non só en Galicia, un gran descoñecido.
Con ese obxectivo impulsamos diferentes iniciativas orientadas a facilitar as visitas á nosa sede, o Pazo do Hórreo, durante as cales os seus protagonistas teñen ocasión de se achegaren ao universo creativo galego do século XX e de comezos do XXI.
Por fortuna, desde hai máis de catro décadas, España e Galicia viven e exprésanse en liberdade, ceibes de cadeas en virtude da Constitución e o Estatuto de Autonomía. A orixinalidade artística de Galicia pode tamén parabenizarse, pois protagoniza un rexurdimento vizoso, e a todos os seus creadores —pasados, actuais e futuros— rendemos tributo na mostra A NOSA ARTE.
Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia
ESCOLARES
ARTE E PROGRAMACIÓN – STEAM
- INFANTIL a 3º PRIMARIA | Píntame unha poesía, e escribireiche unha obra de arte. Unha visita conto onde arte e poesía tomarán por asalto o imaxinario da xente miúda. Inspiración abonda para a adquisición dalgúns coñecementos de robótica básica. E é que, coas nosas pequenas mans, podemos facer que calquera cousa cobre vida.
- 4º PRIMARIA a 2º ESO | Atlantes de pincel e espátula. A programación tecnolóxica deu lugar a un dos máis sorprendentes xiros da arte actual. E se fósemos capaces de facermos nós unha obra de arte a partir dun deseño robotizado? Para comprender a orixe desta viaxe, debemos coñecer de onde proceden as formas da arte e como en Galicia se desenvolveron ao longo do último século.
- 3º e 4º ESO, BACHARELATO e CF | A nosa arte. Unha viaxe pola arte galega contemporánea e os episodios históricos, económicos e sociolóxicos que a acompañaron. E mais un obradoiro de computación e arte!
2 €/ ESCOLAR
Máis información e reserva previa no 982 289 096 ou en [email protected]
Podes descargar abaixo de todo o folleto dixital da mostra.
En colaboración co Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes.